“Desexamos formar parte dunha sociedade que nos mire de fronte, porque somos persoas e temos os mesmos dereitos e deberes que o resto da xente”. Esta é unha das reivindicacións parte do manifesto do Día Internacional das Persoas con Discapacidade lido este mediodía nun acto organizado pola Asociación Amicos en Boiro. Uns douscentos alumnos, profesores , familiares e autoridades xuntaron as súas voces para reclamar un “cambio na mirada” da sociedade e unha aposta eficaz pola igualdade.

Os alumnos, procedentes das escolas Santa Baia e Praia Xardín de Boiro, compartiron xogos especialmente pensados para fomentar a inclusión cos estudantes do Centro de Educación Especial da Asociación Amicos (CEEPR). Entre outros, carreiras en cadeiras de rodas, probas con linguaxe de signos ou xogos cos ollos vendados. Deste xeito, os rapaces dos centros de ensino ordinario puideron meterse na pel e entender mellor a realidade dos rapaces e rapazas con algún tipo de discapacidade intelectual, física ou sensorial.

Ao mediodía interviñeron as autoridades que acudiron á celebración, entre outras, o edil de Boiro Juan José Dieste e a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia Fabiola García Martínez. A directora xeral cualificou a Amicos de “entidade referente no só no Barbanza senón en toda Galicia” e felicitou aos seus traballadores e as familias polo seu esforzo. A mandataria comprometeu que o Goberno sacará novas prazas para persoas con discapacidade e seguirá a “traballar man con man” coas entidades que lles prestan apoio.

O alcalde  de Boiro felicitou a Amicos pola recente concesión do Premio Agader de Desenvolvemento Rural e agradeceu o esforzo da comunidade educativa para levar a cabo esta celebración. Pola banda de Amicos, a presidenta Esther Vidal pediu neste día un apoio especial para as familias das persoas con discapacidade e reivindicou o seu dereito a seren felices. Tamén enviaron representantes os concellos da Pobra, Rianxo e Ribeira.

A continuación,  Alfonso Pérez e Manuel García, estudantes do CEEPR de Ribeira, leron o manifesto. Tras relatar varias situacións da vida cotiá na que as persoas con discapacidade teñen problemas de accesibilidade por falta de adaptación da súa contorna, os rapaces lembraron que “todas as persoas somos capaces de facer moitas cousas se nos dan a oportunidade de facelas”. Manuel García pediu “miradas de respecto” e o tempo e a atención dabondo para que as persoas con discapacidade teñan oportunidade de dar a súa opinión e decidir por eles mesmos. Pola súa banda, Alfonso Pérez reclamou que “cando nos facemos maiores, queremos que nos traten como persoas adultas” e deu as grazas a todas as persoas que están axudando a que a nosa sociedade sexa cada vez máis inclusiva.

O acto reivindicativo, que Amicos organiza hai varios anos por estas datas, rematou coa solta de centos de globo de color azul, a cor da Asociación.  Unha gran marea azul destinada a pedir, un ano máis, un mundo máis equitativo e solidario para as persoas que conviven coa discapacidade.