Catro mozos con discapacidade intelectual e tres técnicos de AMICOS están en Turquía para participar nunha reunión internacional. Forman parte dunha delegación de sete membros da Asociación Amicos que traballará toda esta semana na cidade de Kuşadası, na provincia turca de Aydin. Aló estase a desenvolver o segundo intercambio presencias dentro do programa Erasmus + da Unión Europea “O Cambio comeza con nós”.

O principal obxectivo deste programa é combater o acoso escolar dos estudantes con discapacidade. Nesta iniciativa internacional colaboran colectivos de atención a persoas con discapacidade baseados en cinco países: Reino Unido, Turquía, Rumanía, Portugal e Grecia. Ao poñer en común estratexias aplicadas con éxito nos diferentes países, as asociacións están a definir un marco de recursos prácticos para favorecer a integración nas aulas.

Así, o calendario de actividades deste encontro inclúen relatorios para explicar a situación da discapacidade en cada país e presentacións de exemplos de persoas con discapacidade que lograron derrubar as barreiras da discriminación. Os participantes tamén visitaran escolas e institucións turcas que traballan con mozos con discapacidade.

Ademais, o programa inclúe actividades culturais; como concertos, visitas a centros tecnolóxicos, proxección de filmes sobre discapacidade, viaxes a monumentos históricos, un obradoiro de fotografía e participación nun programa da televisión local.

Unha oportunidade única para catro mozos

Amicos considera especialmente relevante que catro mozos con discapacidade intelectual do Barbanza -en concreto catro estudantes do Centro de Educación Especial de Ribeira- teñan a oportunidade de poder viaxar a outro estado para coñecer de primeira man como é a vida doutros rapaces con circunstancias similares as súas. Iniciativas como esta serven para romper as barreiras que a miúdo limitan as actividades que están ao alcance destas persoas.

“O cambio comeza con nós” funcionará durante os próximos dous anos. Os seis socios están a organizar actividades e creando materiais en común co fin de mellorar a inclusión no ámbito escolar e darlles máis oportunidades aos alumnos con discapacidade intelectual.

Búscase así fornecer ás escolas con material e ideas que facilitan a inclusión das persoas con discapacidade como parte do seu plan de estudos. Abórdase este desafío dende unha perspectiva internacional, pois así poden poñerse en común solucións implementadas con éxito noutros países.

Hanta Associates (Reino Unido), Manpower Employment Organisation (Grecia), Aydin Fotograf Sanati Demegi (Turquía), Agrupamento de Escolas Francisco de Holanda (Portugal), Centrul Scolar de Educatie Incluziva Braila (Rumanía) e Amicos (España) son os participantes deste innovador programa,, financiado mediante a iniciativa Erasmus + da Unión Europea. O primeiro dos encontros presenciais tivo lugar o pasado mes de novembro en Boiro.