Novas

A Pobra únese as administracións que apostan pola accesibilidade cognitiva coa axuda de Amicos

O Concello de A Pobra do Caramiñal e a Asociación Amicos presentaron este mediodía en rolda de prensa a mellora da accesibilidade cognitiva da  casa consistorial. Mediante os pictogramas deseñados e colocados por Amicos, facilitarase a identificación dos diferentes servizos e instalacións que ofrece o inmóbel.

“É un paso importante para facer a vida máis acolledora as persoas con discapacidade”  explicou Miguel Alamancos Sobrido, concelleiro de Sanidade e Servicios Sociais da Pobra. Na rolda de prensa tamén participou o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, que agradeceu a colaboración da Asociación Amicos -representado neste acto polo seu director xeral Xoán España- nesta iniciativa e comprometeu o apoio desta administración para mellorar a accesibilidade das instalacións públicas.

Con este paso adiante dado pola Pobra, xa son varias as administracións locais que colaboraron con Amicos para incorporar pictogramas a súa sinalización públiconos últimos tempos. Entre outras, o Concello de Ribeira, Porto do Son e o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Esta actividade enmárcase dentro das acción levadas a cabo na campaña de concienciación do Día Internacional das Persoas con Autismo, celebrado o pasado 2 deste mes, para dar visibilidade ás persoas con TEA.

Que é Accesibilidade Cognitiva?
A Accesibilidade Cognitiva é unha estratexia para facer o mundo máis doado de entender por parte de todos. As barreiras físicas, como por exemplo unhas escaleiras sen a alternativa dun ascensor, non son os únicos elementos que limitan o acceso aos edificios públicos en igualdade de condicións. De que vale ter un ascensor se parte dos cidadáns non son quen de ler ou entender o cartel que indica onde está o elevador?

As persoas con discapacidade intelectual ou con trastornos como, por exemplo, do espectro autista, sofren a miúdo dificultades de comprensión das sinalizacións escritas convencionais. Especialmente cando estas sinais non se presentan dun xeito claro e simple. Dificultades que tamén afectan a outros colectivos. Por exemplo, os inmigrantes que non dominan a lingua local, as persoas maiores e os nenos.
Nota para os medios impresos- Adxúntase fotografías da rolda de prensa.




© 2014 Amicos