Novas

Alumnos de Amicos ensinan a outros estudantes a poñerse na pel das persoas con discapacidade

Representantes do Concello de Porto do Son e da Asociación Amicos visitaron este mediodía o CEIP Xuño para coñecer o funcionamento do programa Integraescola. A través del, os alumnos desta escola e os do Centro de Educación Especial de Amicos (CEEPR) de Ribeira conviven e comparten obradoiros de formación. O obxectivo é que os máis pequenos aprendan como é o día a día das persoas con discapacidade, facilitando así a súa integración.

Así, Integraescola comprende cinco obradoiros especialmente pensados para que os estudantes se poñan na pel das persoas con discapacidade. Por exemplo, no taller “Sobre Rodas” coñecen a experiencia e as barreiras a salvar para desprazarse en cadeira de rodas. Tamén hai obradoiros de lingua de signos -nos que se aprenden o alfabeto dactilolóxico-; de estimulación sensorial -no que se ensina como recoñecer obxectos cando se carece de visión- e de procesamento de información, no que se aprende por exemplo a entender as dificultades coas que se pode atopar unha persoa cando non entende a mensaxe que se lle está dando.. Integraescola tamén inclúe a elaboración e/ou narración de contos adaptados para persoas con dificultades cognitivas, mediante, entre outras técnicas, pictogramas.

Na iniciativa colaboran unha decena de alumnos do Centro de Amicos e os estudantes do CEIP de Xuño. Os obradoiros levan semanas a desenvolverse entre os alumnos de cuarto, quinto e sexto. Nesta semana é a quenda dos estudantes de infantil e de 2 e 3 de Primaria.

Para coñecer Integraescola, hoxe acudiron ao centro alcalde do Concello de Porto do Son, municipio que colabora nesta actividade, a Concelleira de Educación, Magdalena Pérez; o Concelleiro de xuventude, seguridade, protección civil, emprego e promoción económica, D. Antonio Romero Ribeiro e  a vicepresidenta de Amicos, Digna Iglesias.

O programa, que leva varios anos funcionando polos centros da comarca, busca que todos os nenos desenvolvan as súas fortalezas asumindo o respecto á diversidade e as necesidades propias das persoas con discapacidade. Amicos organiza regularmente actividades nas que os seus alumnos colaboran con rapaces doutros centros, como parte do esforzo para lograr unha integración plena.

© 2014 Amicos