A Asociación Amicos presentou esta mañá o Proxecto Internacional “O Cambio Comeza con nós” no que colabora con outros colectivos de atención a persoas con discapacidade baseados en cinco países: Reino Unido, Turquía, Rumanía, Portugal e Grecia. Durante os próximos dous anos, os seis sociocorganizarán actividades e crearán materiais en común co fin de mellorar a inclusión e darlles máis oportunidades aos alumnos con discapacidade intelectual.

No acto estiveron presentes o Xefe Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana, o Inspector xefe, Fermin Álvarez, o aldalde de Riveira, Manuel Ruiz, a presidenta de Amicos, Esther Vidal e algúns dos profesionais da entidade que levarán a cabo o proxecto. Segundo explicou a presidenta de Amicos, Esther Vidal, trátase de que os nenos acepten aos rapaces con discapacidade como uns compañeiros de clase máis e, asemade, establecer métodos para mellorar a inclusión das persoas con discapacidade na vida cotiá das súas contornas sociais. O intercambio de alumnos entre os países participantes e tres encontros de traballo internacionais  son algunhas das actividades programadas, segundo explicou Vidal na rolda de prensa organizada no Centro de Educación Especial Amicos (CEEPR) de Amicos en Ribeira.

Un total de 20 expertos están a participar no primeiro destes encontros internacionais, que está a ter lugar esta semana no Barbanza. Son vinte expertos e directivos de Hanta Associates (Reino Unido), Manpower Employment Organisation (Grecia), Aydin Fotograf Sanati Demegi (Turquía), Agrupamento de Escolas Francisco de Holanda (Portugal), Centrul Scolar de Educatie Incluziva Braila (Rumanía) e Amicos (España). Durante estas xornadas de traballo están a compartir experiencias e a ultimar as iniciativas do programa, financiado mediante a iniciativa Erasmus + da Unión Europea.
Amicos será responsable de parte dos contidos multimedia a crear. Así, a Asociación creará material audiovisuais sobre persoas con discapacidade que coa súa traxectoria marcaron unha diferencia. Ademais, editará un DVD cunha colección de vídeos sobre inclusión baseados en obradoiros nos que os alumnos aprenderán a facer fronte a situacións de acoso escolar.

As outras cinco entidades participantes asumirán a responsabilidade doutras partes do programa. Entre elas está a creación dun blog para sensibilizar sobre a integración nas aulas, a publicación dun libro electrónico con leccións e xogos especialmente deseñador para axudar aos alumnos a desenolver empatía, o lanzamento dunha páxina web de contido social,  a posta en marcha dun museo da historia da discapacidade dixital con materiais recompilados nos países socios, etc.

Con estas accións búscase tamén fornecer ás escolas con material e ideas que facilitan a inclusión das persoas con discapacidade como parte do seu plan de estudos. Abórdase este desafío dende unha perspectiva internacional, pois así poden poñerse en común solucións implementadas con éxito noutros países.