Novas

Comercios, concellos e cidadáns unen as súas voces para derrubar as barreiras ao redor do autismo

A Asociación Amicos presentou este mediodía a celebración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que terá lugar o domingo 2 de abril. Na rolda de prensa do Salón de plenos da casa consistorial do Concello de Ribeira tomaron a palabra o alcalde local, Manuel Ruíz Rivas, o presidente da Mancomunidade de Veciños de Arousa Norte, Adolfo Muíños, e Alfonso Pérez Espinzo, usuario de Amicos con Trastorno de Espectro Austista (TEA), que leu un manifesto reivindicativo. Ao final do acto, todos eles romperon un cartel como símbolo da necesidade de derrubar as barreiras que subsisten ao redor do TEA.

No manifesto, Alfonso, alumno do Centro de Educación Especial de Amicos en Ribeira, reclamou respecto para a forma de ver o mundo das persoas que sofren este trastorno. Ademais, explicou que cidadáns coma el, un mozo adolescente, teñen moito  máis en común que diferencias coas outros mozos da súa idade. Iso si, reclamou compresión para comportamentos e para os seus ritmos, que as veces son diferentes e poden sorprender as persoas non familiarizadas co TEA. Alfonso tamén pediu que se respectase as distancias que as veces necesita sentir unha persoa deste colectivo, pero que non por elo se deixasen soas..

Amicos leva toda a semana programando unha serie de actividades co gallo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. Así, lanzou a iniciativa para que comercios e escolas vestiran de azul -a cor que simboliza o TEA- os seus escaparates e portais.  Ducias de comerciantes sumáronse a esta proposta e moitos, ademais, difundiron fotografías dos seus portais e escaparates nas redes sociais.

Entre os que mandaran as imaxes antes do mediodía deste venres están Teresa Arreglos de Confección (Ribeira), Estanco de Lourdes (Ribeira), Rule’s Collection (Boiro), Perruquería Yani (Ribeira), Paquetería Esperanza (Boiro), Foto Rioss (Deán), Muebles Diz Callón (Ribeira), Florestería La Rosa (Rianxo), Electrodomésticos Cenor (Rianxo), Libraría Ben (Rianxo), Labrarlia (Rianxo), Movil Planet (Rianxo), Mercería Miriam (Rianxo), Nino Pieri (Rianxo), Moda Infantil Nenis (Rianxo) e Cosmos (Ribeira). A todos eles, e aos que non aparecen citados por non teren recibido aínda as fotos, Amicos quere mostrar o seu máis profundo agradecemento. Tamén dá as grazas a  asociación de empresarios de Ribeira, Antonio Miranda, á presidente da asociación de empresarios de A Pobra, á asociación de comerciantes de A Pobra e a presidenta da asociación de empresarios de Padrón.

O Trastorno do Espectro Autista (TEA) é unha das areas de traballo de Amicos.  Na actualidade, Amicos presta atención a máis de 25 persoas con TEA, sobre todo menores, xa que dispón dunha Unidade de Atención Tempera (para nenos de 0 a 6 anos), un Centro de Educación Especial con dúas unidades específicas para nenos con autismo que traballa nas tres áreas ( Integración – Combinada – Educación Especial ) e un Fogar Escola de transición a vida adulta.

Amicos aproveita a celebración do Domingo para lembrar que a Comarca carece dun centro especializado para atender as necesidades dos adultos con este síndrome e reclamar ás administracións o apoio necesario para a súa posta en marcha.

© 2014 Amicos