Novas

Máis de cen persoas dan a benvida ao verán en Amicos

A celebración do San Xoán foi o motivo que congregou este venres a máis de 120 usuarios e especialistas da Asociación Amicos. No Centro de Atención Integral de Boiro deron a benvida ao verán cun completo programa de actividades lúdicas e culturais.
 
Como todos os anos, o programa botou a andar pola mañá cedo,  cun xogo organizado na contorna do Centro, na parroquia de Comoxo, para atopar as herbas de San Xoán, coas que así cumprir a tradición de lavar a cara ao erguerse ao día seguinte.
 
De seguido, todos os asistentes competiron nunha serie xogos populares (como tirar da corda, brilé, etc.) e houbo baile. A continuación procedeuse a prender a imprescindible fogueira de San Xoán e realizar unha foto de grupo.
 
No comedor do Centro  hoxe houbo especialidades típicas desta data, como  as sardiñas asadas con cachelos. A festa continúa polo serán coa sempre exitosa sesión de karaoke.
 
Para contribuír á inclusión real das persoas con discapacidade intelectual na súa contorna social e cultural, Amicos intenta favorecer a súa participación nas celebracións sociais que definen a nosa comarca. É por iso que a Asociación organiza festas como esta de San Xoán nas datas máis senlleiras do ano, como por exemplo o Magosto, Samaín, Nadal, Entroido, etc. Ademais, todos os fins de semana os usuarios poden sumarse a excursións de tipo cultural e lúdico a diferentes puntos da xeografía galega.

© 2014 Amicos