Tinguir de azul os escaparates e as rúas do Barbanza para que a cidadanía tome conciencia da importancia de romper as barreiras en torno as persoas con Transtorno do Espectro Autista (TEA) facendo unha sociedade máis accesíbel para todos. Este é o obxectivo final da campaña que presentaron esta mañá a Asociación Amicos e varios centros comerciais e asociacións de empresarios da comarca.

A campaña comezou hoxe e durará até o próximo martes, 2 de abril, cando se celebra o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. Amicos propón a comerciantes que coloquen elementos azuis (globos, flores, lazos, roupa, carteis, etc.) nos seus portais e escaparates, dado que o azul é a cor que simboliza este síndrome.

A continuación, os comerciantes deben enviar esas fotos a Amicos (por mail, etiquetándonos en Facebook, Twitter ou Instagram) para difundilas nas redes sociais. Así, búscase darlle promoción aos comercios e asemade multiplicar o impacto da campaña.

Colaboradores

A edición do ano pasado desta iniciativa foi un éxito enorme, con centos de escaparates decorados de azul en todas as vilas do Barbanza. Nesta edición tamén se prevé unha importante participación, dado que colaboran a práctica totalidade de colectivos de comerciantes da bisbarra: Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE), DEAN Centro Comercial Aberto da Pobra do Caramiñal, Noia Histórica, Asociación Boirense de Empresarios, Asociación de Empresarios, Comerciantes e Traballadores Autónomos de A Pobra, Asociación de Empresarios de Ribeira e Asociación de Empresarios de Padrón, Rois e Dodro.

A todos eles expresou o seu agradecemento Xoan España, director xeral de Amicos durante o acto de presentación celebrado esta mañá en Boiro. No evento informativo tamén participaron Amparo Cerecedo, presidenta do Centro Comercial Aberto Deán de A Pobra do Caramiñas e Isabel Lapido López, xerente da Asociación Ribeirense de Empresarios (ARE) e coordinadora Centro Comercial Aberto Viamare de Ribeira. As directivas confirmaron que xa hai numerosos comercios interesados en volver a sumarse á iniciativa.

Amicos solicita especialmente aos comercios que remitan fotografías para poder socializar a mobilización a través das redes sociais. Amicos comprométese a difundir as fotografías entre os máis de 5.000 seareiros.

O Trastorno do Espectro Autista ( TEA ) é unha das areas de traballo de Amicos. Na actualidade, Amicos presta atención a máis de 25 persoas con TEA xa que dispón dunha Unidade de Atención Tempera (para nenos de 0 a 6 anos), un Centro de Educación Especial con dúas unidades específicas para nenos con autismo que traballa nas tres áreas ( Integración – Combinada – Educación Especial ) e un Fogar Escola de transición a vida adulta.