Novas

Veciños organizan un festival solidario con Amicos

A Asociación Cultural Parroquia de Abanqueiro organiza un festival benéfico en favor da Asociación Amicos, que atende a máis dun cento de persoas con discapacidade intelectual do Barbanza. O festival terá lugar este domingo, 15 de outubro, as 17 horas, no Centro Social de Abanqueiro. Haberá moita música, comida de balde e premios.

Así, está prevista a actuación de oito grupos de música e teatro afeccionados da zona: O Pote de Tállara, As Ferreñas da Pobra, As centenarias de Muros, Moncho do Conde co seu acordeón, o grupo de teatro da Asociación Cultural Abaqueiro, Nunca é Tarde, O Entra de Louro e A Dorniña do Banqueiro.

Ao remataren as actuacións, os veciños servirán pinchos gratis aos asistentes e venderán rifas para sortear agasallos entre o público, por exemplo pezas de cerámica elaboradas nos obradoiros de Amicos polos propios usuarios. O recadado será doado a Asociación Amicos. O evento conta tamén coa colaboración do Concello de Boiro.

A Asociación Amicos quere agradecer aos veciños de Abanqueiro a súa solidariedade e implicación para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual. Iniciativas como esta, e outra similar organizada este verán pola Asociación Os Luns ao Sol e o concello de Elciego (Álava), contribúen non só a mellorar a súa calidade de vida, senón á visibilización das persoas con discapacidade.

© 2014 Amicos