Asociación Integrados

vista torre de hercules
Fundada hai máis de dez anos, ma Asociación Integrados colaboran persoas con discapacidade, os seus familiares e amigos e mozos e mozas traballadores. Trátase dunha organización da mocidade que se centra nos ámbitos cultural, xuvenil, deportivo e de promoción da saúde. O seu obxectivo final, como o seu propio nome indica, é facilitar a integración das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da vida cotiá, potenciando a súa participación nas actividades de ocio e, asemade, concienciado á sociedade da importancia de valorar a este colectivo.

Para lograr os seus fins, a Asociación Integrados organiza numerosas actividades cada ano, a miúdo durante as fins de semana e nos períodos de lecer. Así, por exemplo, no eido cultural programa visitas aos monumentos históricos do Barbanza e do resto de Galicia e tamén particípanse en eventos con outros colectivos como o Entroido. Estas visitas frecuentemente inclúen actividades en grupo puramente sociais -como ir ao cine ou facer a compra-, que axudan aos usuarios a gañar autonomía na súa vida diaria e tamén contribúen a que a nosa contorna social aprenda a ver como normal a presencia de persoas con discapacidade nos comercios e neste tipo de lugares de ocio.
entroido boiro

O coidado do medioambiente e o fomento do deporte son outros dous eixos de Integrados. A Asociación organiza excursións a lugares importantes do patrimonio natural galego e os seus socios manteñen equipos deportivos -nomeadamente un de fútbol sala- que participan en competicións como, por exemplo, nas organizadas por FAMDEMGA Plena Inclusión e Special Olympics Galicia.
special olympics galicia
No referido á promoción da saúde, cómpre salientar que os socios desprázanse en grupo semanalmente á piscina municipal de Ribeira para practicar a natación, cada un de acordo ao seu nivel e asesorados por monitores, e realizar hidroterapia. Outra das actividades que organiza a miúdo Amicos e a hipoterapia, durante a cal as persoas con discapacidade interactúan con cabalos e outros équidos.

Ademais destes cursos e actividades, a Asociación programa periódicamente obradoiros sobre aspectos como a prevención do consumo de sustancias estupefacientes ou a importancia dunha alimentación sá, que Amicos fomenta no seu comedor mediante o emprego das verduras ecolóxicas cultivadas no seu Biocentro, que sempre están presentes polo menos nun dos pratos do menú. Tamén nas instalacións de Amicos organízanse periódicamente celebracións, como o Magosto ou o Samaín nas que usuarios, familiares e monitores comparten xogos, concursos de cociña e xantares especiais.


 

logo subvención

O servizo de “Formación e Integración en ocio e deporte, formación e práctica  para mozos/as con discapacidade, lévase a cabo grazas aos Programas de Cooperación da Xunta de Galicia, Garantía Xuvenil, Fondo Social Europeo. Este servizo pretende ser un proxecto integrador e reforzador do concepto tradicional de formación e aprendizaxe, ao mesmo tempo que permitirá ampliar a atención de persoas dependentes das Comarcas de Barbanza, Noia e Sar.  Baséase principalmente na actuación de asistencia e apoio nos distintos servizos que brinda a entidade. Persoas mozas, incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, están a formarse na prestación de Servizos de ocio e deporte, poñendo en práctica os coñecementos adquiridos,  a través de actividades nas que participan persoas con discapacidade.


© 2014 Amicos