Centros


UNIDADE DE ATENCIÓN TEMPERÁ 

Rúa Gándara, 44 Oleiros, Ribeira.
 

 

Un equipo formado por unha psicopedagoga, psicóloga, un logopeda, unha fisoterapeuta e unha mestra de Educación Especial conforman este grupo especializado. Trátase dun equipo multidisciplinar enfocado a atender aos máis cativos, entre cero e seis anos, mediante sesións individualizadas, adaptadas a cada persoa.

 

O obxectivo fundamental desta unidade é que os rapaces teñan acceso a toda a asistencia dispoñible segundo os últimos coñecementos para evitar ou paliar o desenvolvemento de discapacidades. Os técnicos traballan en estimular a súa autonomía persoal mediante exercicios específicos pensados, por exemplo, para favorecer unha boa psicomotricidade e o desenvolvemento dos diferentes sentidos.
 

CENTRO DE EDUCACIÓN ESPECIAL

Rúa Gándara, 44 Oleiros, Ribeira.
 
 
Un lugar no que os rapaces de entre 3 e 21 anos poidan aproveitarse dun ensino especialmente deseñado para as súas necesidades. Con este obxectivo naceu en 2008 o Centro de Educación Especial de Amicos, que na actualidade dispón dunha aula especializada en autismo e outra pensada para mozos con pluridiscapacidades. A día de hoxe, a finais de 2015, acudían máis de 20 rapaces a este centro.
 
O Centro imparte ensinanzas oficiais e regradas mediante un proxecto educativo personalizado enfocado na participación e na estimulación das propias capacidades. Un dos obxectivos é que os nenos aprendan a desenvolverse por si mesmos e que deste xeito poidan integrarse nos seus contornos sociais en pé de igualdade cos outros rapaces.
 
Isto lógrase mediante unha metodoloxía que busca sempre a participación do alumno e ten un enfoque funcional, esforzándose especialmente en proporcionar mecanismos cos que enfrontarse aos problemas que a vida cotiá presenta para todas as persoas.
 
O Centro conta cun amplo persoal que permite unha atención e diversificación curricular moi ampla. Forman parte deste equipo multidisciplinar: psicopedagogas, mestre de educación especial, logopeda, fisioterapeuta e psicóloga. 
 
Nas aulas os alumnos realizan actividades de expresión matemática -aprenden por exemplo a debuxar os números con plastilina-, lectoescritura -a miúdo mediante contos, poemas e cancións-, grafomotrocidade -para mellorar a escritura ao aprendera facer círculos, espirais- ou expresión musical -incluída a construción e o uso de instrumentos propios -, etc.
 
O centro tamén a finalidade de potencia a integración social. Con este obxectivo realízanse actividades como a  frecuente visita ao lugares de interese histórico e cultural da comarca do Barbanza e do resto de Galicia, concursos por datas singulares como o Nadal, celebracións tradicionais da cultura galega como o Magosto ou excursións a lugares de ocio. Unha vez rematado o período lectivo oficial, no verán continúan este tipo de actividades e visitas aproveitando o bo tempo. E é que o apoio fóra das aulas e o reforzo educativo son imprescindibles para que os alumnos non esquezan o aprendido, sobre todo no caso dos máis novos.


 

CENTRO DE DÍA

R/ Comoxo s/n, Boiro. 15930 A Coruña.
 
O Centro de Día da Asociación Amicos está dirixido a aquelas persoas con discapacidade que presentan grandes necesidades de atención  e, asemade, impulsar a súa autonomía ensinándolles a desenvolver por eles mesmos actividades cotiás. Este son dous dos principais obxectivos do Centro de Día da Asociación Amicos na aldea de Comoxo, ao carón da estrada que une Boiro con Noi
 
No Centro de Día de Comoxo, a Área de Desenvolvemento de Actividades da Vida Diaria (AVD) céntrase en que os usuarios aprendan a realizar por si mesmos as tarefas que lles permiten ser autónomos no día a día. Así, aprenden dende as labores máis básicas como a hixiene, até traballos do fogar como, por exemplo, cociñar ou limpar, colaborando os usuarios no mantemento cotiá do Centro.  O aseo persoal trabállase a diario porque unha boa hixiene facilita máis relacións sociais e polo tanto, unha vida máis integrada.  
 
Neste centro tamén está a Área de Potenciación da Psicomotricidade, especializada no benestar físico dos usuarios. Mediante actividades como os obradoiros de barro ou escaiola ou a realización de todo tipo de traballos artesáns, os usuarios aprenden a coñecer o seu propio corpo e adquiren máis habilidade e precisión nos seus movementos. Para aquelas persoas con problemas de psicomotricidade, existe unha unha área de mobilización postural específica, co fin de, por exemplo, evitar úlceras e outras molestias.
 
Para reforzar os coñecementos aprendidos na escola -como o cálculo- funciona unha Área de Estimulación Cognitiva. A representación de obras de teatro, os obradoiros de vídeo ou as actividades de cálculo axudan a que os usuarios estean seguros de que o aprendido nas aulas non se perden, senón que se amplía.
 
Moitos dos usuarios son persoas que teñen varias diversidades funcionais diferentes e con graos tamén diferentes. Un dos obxectivos da Área de Estimulación Basal é mellorar a súa relación co entorno traballando especificamente os sentidos máis danados, e aprendendo a empregar ao máximo aqueles menos afectados. Isto lógrase mediante, por exemplo, actividades de identificación de alimentos mediante o olfacto ou obradoiros de capacidade auditiva a distintos rimos e intensidades.
 
En Amicos sabemos que cada usuario ten unhas necesidades educativas particulares en función das súas capacidades. Na Área de Linguaxe e Comunicación Alternativa realízanse exercicios específicos para desenvolver a lingua, oralmente, a través de signos ou por outros sistemas alternativos (apuntamentos, pictogramas, sistema bimodal, Benson Schaeffer, linguaxe de signos, PECS, etc.). As sesións de logopedia, nas que se realizan por exemplo exercicios de corrección de cada fonema alterado ou de coñecemento do sistema respiratorio, contribúen a reducir a imprecisión articulatoria.
 
Estas necesidades particulares tamén se teñen en conta á hora da realización dos talleres adaptados, pero sempre procurando a integración no grupo. Así, as persoas con máis grao de discapacidade participan nos pretalleres, para que poidan participar durante certas horas na actividade correspondente. As actividades son do máis diverso: bisutería, cociña, artes plásticas, papel reciclado, etc. Todas elas pensadas para que poidan plasmar a súa imaxinación e mellorar habilidades como a psicomotricidade fina.
 
En Comoxo tamén se realiza o control da saúde mental. Como moitos dos usuarios con discapacidades intelectuais graves teñen dificultades para comunicarse verbalmente, isto fai complicado ás veces atopar se hai algún problema de saúde relacionado. O estrés ambiental -por exemplo os problemas na familia- afectan en suma a medida aos usuarios, polo que cómpre axudalos a saber comprender e saber enfrontarse a estes problemas.
 
Ademais, moitas destes usuarios reciben medicación e, na maioría dos casos, non son quen de asumir por si sós a responsabilidade de tomala de acordo as pautas prescritas polos facultativos. Por iso se realiza un control farmacolóxico individualizado.  Das tomas dos medicamentos lévase un meticuloso rexistro e persoal especializado realiza un constante seguimento dos posibles efectos adversos.
 
 

CENTRO OCUPACIONAL 

R/ Comoxo s/n, Boiro. 15930 A Coruña.
 
 
O Centro Ocupacional está pensado para servir de apoio a persoas que só necesitan apoio de xeito intermitente. A súa autonomía permítelles adquirir novas habilidades que, a súa vez, poden, con soporte e moito esforzo, abrirlles as difíciles portas do mercado laboral. Agora ben, non se trata unicamente de ofrecerlles obradoiros de traballo adaptado para que poidan atopar un emprego, senón de facilitarlles unha formación integral en todos os eidos para que poidan medrar como persoas en todos os aspectos, non só como traballadores.
 
Aos usuarios do Centro Ocupacional fáiselle especial énfase na necesidade de adoptar hábitos de vida sans, especialmente na alimentación, debido a que o sobrepeso é un problema moi frecuente entre os usuarios de Amicos. Para combatelo, ofrécense dietas personalizadas, actividades deportivas e charlas en grupo sobre como comer san e equilibrado. Os propios usuarios colaboran na realización dos menús, aprendendo así a diferencias os alimentos e os seus diversos valores nutritivos.
 
Pensando na formación integral, organízanse, multitude de actividades de formación directamente relacionadas coa vida diaria; dende a educación sobre a circulación até relatorios culturais sobre temas actuais como, por exemplo, as enfermidades de transmisión sexual ou as drogas. Ademais, nos obradoiros de traballo adaptado teñen a súa disposición aulas de todo tipo: coiro, olaría,  encadernación, lectoescritura, expresión dramática, alfombras, etc. Son talleres organizados de xeito que a que as persoas asistentes aprendan a organizarse para cumprir as obrigas propias dunha contorna laboral nunha empresa.
 
Neste Centro Ocupacional é onde se imparten tamén os talleres prelaborais, enfocados a transmitir os coñecemos básicos de determinadas profesións. Cómpre ter en conta que, se o común da mocidade xa ten difícil entrar no mercado laboral, isto é moitísimo máis difícil para unha persoa con diversidade funcional. Para axudarlles a superar estas barreiras, os usuarios reciben cursos  de todo tipo. Por exemplo de manipulado de alimentos, que despois poñen en práctica en obradoiros de envasados e de elaboración de marmeladas. Ademais, o Centro dispón dun taller de artes gráficas, onde os usuarios aprenden técnicas como a serigrafía, o bordado ou a creación de vinilos.
 
Posteriormente, as persoas de Amicos que teñen posibilidades de inserción laboral reciben formación adaptada para desenvolver as habilidades sociais necesarias para superar unha entrevista persoal, fomentando o sentimento de valía e responsabilidade.  E por último, a Asociación ofrece apoio postlaboral, pois a súa labor non remata unha vez lograda inserción. Cómpre realizar un constante seguimento para facer que o usuario se sinta seguro e teña a súa disposición a formación específica que require cumprir nun posto de traballo.

CENTRO RESIDENCIAL

R/ Comoxo s/n, Boiro. 15930 A Coruña.
 
O Centro Residencial Amicos dispón dunha capacidade de atención de 33 prazas plenamente adaptadas. A residencia está aberta e atendida por persoal especializado os 365 días do ano, as 24 horas. O Centro conta con lavandería, comedor e servizo de cociña propio. A residencia constituíu un desafío e gran salto adiante para Amicos, pois permite ofrecer atención constante e especializada as persoas máis necesitadas que, ademais, non teñen recursos acaidos nas súas contornas familiares.
 
Cada usuario do Centro Residencial - que ten a autorización oficial o E-1306-C3- recibe atención en función dun plan de actuación personalizado. A axuda non se limita só ao benestar físico -do que se ocupa o servizo de fisioterapia e rehabilitación, ademais dunha alimentación equilibrada- e emocional -labor do gabinete psicolóxico. A asistencia inclúe tamén aspectos de asesoramento as familias en eidos como a asesoría xurídica. 
 
As persoas atendidas viven nun edificio moderno, construído nunha contorna rural pero ben comunicado a poucos quilómetros dun acceso da Autovía do Barbanza. O inmóbel de Comoxo está totalmente pensado e construído para satisfacer as súas necesidades. Os habitantes ocupan habitacións dobres e tamén individuais, todas elas con baño propio adaptado. Os espazos son amplos e confortábeis, por exemplo todas as habitacións dan ao exterior, onde hai unha zona exterior con xardíns para gozar do aire libre e aparcamento para as visitas. 
 
No Centro Residencial viven persoas permanentemente; pero tamén existe a posibilidade de estancias máis curtas. É o que se chama «respiros familiares», que aseguran unha atención especializada naqueles intres nos que as familias máis o necesitan como, por exemplo, durante hospitalizacións, viaxes, vacacións, etc. Tamén se proporciona o servizo de apoio puntual, o popularmente coñecido como 'canguro'.
 
No centro residencial lóitase pola integración social, evitando a institucionalización. Por iso, favorécese que todos os residentes participan nas actividades culturais, deportivas, formativas e de lecer que regularmente organiza a Asociación.


BIOCENTRO

Rúa Gándara s/n, Oleiros, Ribeira.
 
O Biocentro da Asociación Amicos, situado na parroquia de Oleiros en Ribeira, é unha infraestrutura pensada para proxectos de formación de longa duración, que se desenvolven en cooperación co Centro Ocupacional situado en Boiro.
 
O Biocentro está especializado en formar aos usuarios coas habilidades da agricultura ecolóxica. De feito, a súa produción está certificada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).
 
Das súas cinco naves, que ocupan unha superficie aproximada de 5.000  metros cadrados, saen cultivos de alta calidade que axudan a financiar a Asociación mediante a súa comercialización noutras entidades, establecementos de hostalería, etc. Especialmente apreciados son os pementos de Padrón, aínda que se cultivan moitos outros vexetais como nabizas, repolos, tomates, etc. Unha parte da produción é aproveitada para a elaboración dos menús do Centro de Atención Integral en Boiro, que habitualmente inclúen polo menos un primeiro prato elaborado con vexetais cultivados polos propios usuarios.
 
No Biocentro aprenden a traballar unha ducia de usuarios constantemente, durante todo o ano, supervisados por un educador especializado no cultivo ecolóxico. O perfil do usuario do Biocentro está formado por persoas que, sen ser plenamente independentes, posúen certa autonomía. Isto permítelles, unha vez formados, desempeñar as labores de cultivo cun apoio intermitente, sen unha supervisión constante, o que lles estimula a súa autoestima e avanzando máis autonomía persoal.  
 
Os usuarios benefícianse de poder traballar nunha contorna controlada e que coñecen polo miúdo, onde se senten protexidos. Cada un soe estar especializado nunha tarefa, o que facilita a aprendizaxe, pero o obxectivo é que todos aprendan os fundamentos básicos de todas as labores necesarias para o cultivo (rego, recolección, etc.). O traballo no Biocentro nunca monopoliza a súa labor, senón que a diario estes usuarios acoden tamén ao Centro de Atención Integral onde se lles realiza un seguimento dos seus avances e do seu estado, asisten a obradoiros, participan doutras actividades, festas etc
 

FOGAR ESCOLA 

Dean Pequeno 1 15968  Ribeira
 
O Fogar Educativo da Asociación Amicos está no lugar do Deán Pequeno, nunha das entradas á vila de Ribeira. Trátase dun inmóbel equipado con todo o necesario para a vida diaria. Está pensando para que os usuarios poidan enfrontarse coas tarefas cotiás nun entorno máis realista posíbel. Búscase así que adquiran máis autonomías á hora de realizar labores simples como a limpeza, facer as camas e todo o que contribúa a promoción da vida independente.
 
 
Lugar de Lomba s/n, Carballosa, Porto do Son.

 
O Ecoviveiro está especializado no cultivo, coidado e tarefas de repoboación de árbores autóctonas como, por exemplo, carballos. Algunhas destas árbores xa serviron para reforestar varios dos lugares máis senlleiros de Galicia.
 
Dos invernadoiros de Carballosa saíron, por exemplo, parte dos 8.000 árbores cos que en 2014 o Grupo Puentes colaborou na reforestación do Monte Pindo, afectado polos incendios forestais daquel verán. Tamén proceden deste lugar parte dos árbores cos que en 2015 a Fundación da Cidade da Cultura de Galicia facilitou á cidadanía para comezar a plantar o Bosque de Galicia nas ladeiras do Monte Gaiás, preto de Santiago.
 
Os usuarios e monitores que se adican ao coidado do Ecoviveiro realizan tamén outros traballos de silviculturas relacionados co sector, como rozas. Estas actividades están organizadas dentro dos traballos de Servizos Empresa de Inserción Laboral que forma parte do conxunto de iniciativas que desenvolve a Asociación Amicos.


 
 
mapa dos centros da Asociación Amicos

© 2014 Amicos