Agricultura ecolóxica

Situado na parroquia de Oleiros en Ribeira, o Biocentro da Asociación Amicos está especializado en formar aos usuarios coas habilidades da agricultura ecolóxica. Dende un comezo, Amicos apostou por fomentar o cultivo e o autoconsumo e hoxe toda a súa produción está certificada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

No Biocentro, cunha superficie de 5.000 metros cadrados, aprenden a traballar unha ducia de usuarios constantemente, durante todo o ano, supervisados por un educador especializado no cultivo ecolóxico. O perfil do usuario do Biocentro está formado por persoas que, sen ser plenamente independentes, posúen certa autonomía. Isto permítelles, unha vez formados, desempeñar as labores de cultivo cun apoio intermitente, sen unha supervisión constante, o que lles estimula a súa autoestima e avanzando máis autonomía persoal. 

Dos invernadoiros de Oleiros saen toda caste de produtos de tempada. En outono e inverno están dispoñíbeis, entre outros, grelos, nabizas, repolos, coliflor e brócoli.  En primavera e verán, pementos, pementos de Padrón -un dos produtos máis apreciados-, tomates, leitugas, etc.

A cantidade a encargar a Amicos pode oscilar moito. Dende grandes pedidos pensados para hostalería ou pequenos comercios até unhas poucas verduras coas que encher a despensa familiar de vexetais de proximade, ecolóxicos e solidarios.

© 2014 Amicos