Hoxe repartimos os premios do sorteo da campaña do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo a aquelas persoas que mercaron no comercio local do 24 de marzo ao 2 de abril. Os catro premiados recibiron un vale de 50 euros, entregados pola Asociación de Empresarios de Boiro, Ribeira, Rianxo e Somos Rianxo.

No concello de Boiro, María José Piñeiro, técnica do ABE, repartiu os 50 euros a Miguel Ángel Riveiro, que deberá gastar nos comercios adheridos á asociación de empresarios boirense. Desta maneira, incentívase as compras no comercio local e chega a mensaxe do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo de maneira máis directa e dinámica á sociedade.

Doutra banda, Borja Casais foi o gañador dos 50 euros repartidos pola Asociación de Empresarios de Ribeira, representada hoxe pola súa xerente, Isabel Lapido. Esta última quixo agradecer a Amicos polo seu labor e implicación neste tipo de accións e mostrouse moi contenta de poder colaborar coa asociación.

En canto a Asociación Rianxeira de Empresarios, a responsable de repartir o vale de 50 euros a María Montserrat González foi Ana Vicente, administradora da Asociación de Empresarios de Rianxo.

Somos Rianxo non puido facer hoxe a entrega do seu vale, pois ao gañador, Manuel Comojo, foille imposible asistir presencialmente ao noso centro de Boiro. A pesar da súa ausencia, Manuel comunicou que o seu premio cederano á asociación Amicos polo noso gran labor.

O sorteo foi realizado de maneira aleatoria entre aquelas persoas que mercaron no comercio local entre o 24 de marzo e o 2 de abril e enviaron o ticket co seu nome completo, teléfono e email á seguinte dirección de correo electrónico diadoautismo@amicos.org.

Ademais, o comercio local que mellor decorou e iluminou de azul tamén ten premio. Nesta ocasión, o gañador foi elexido polo noso xurado, que decidiu que a tenda máis implicada na causa foi o Estanco Lourdes, en Ribeira, xa que non só decorou de azul o seu local, senón que as súas traballadoras tamén vestiron de azul polo Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. Como premio, o Estanco Lourdes participará no noso calendario solidario 2023 de maneira gratuíta.

O xurado de Amicos quere facer mención especial a Neuralmente en Rianxo, Deportes Señor Balón e Lolita Moda en Boiro, pola súa participación e implicación de maneira extraordinaria na campaña ‘Decora e ilumina de azul o teu negocio’ polo Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. Os tres comercios locais fomentaron a compra e a participación de todos e todas na iniciativa.

Dende Amicos queremos agradecer a todas as persoas que colaboraron na campaña e ás asociacións de empresarios pola súa aportación e disposición. Tamén agradecer especialmente aos comercios pola súa gran implicación e por fomentar o envío de tickets para a realización do sorteo. Esperamos que o ano que ven poidamos repetir a iniciativa e que sexa igual ou incluso máis exitosa.