Vimos de firmar un convenio de colaboración co Concello de Silleda para a cesión dun espazo físico. Grazas a esta alianza, a nosa asociación poderá atender e apoiar a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, residentes en Silleda e arredores, con dificultades para acceder ao mercado laboral.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña e Keltoi Cameán, coordinador de orientación laboral de Amicos, asinaron o acordo polo que o Concello de Silleda cede á entidade un local na Casa da Xuventude, na rúa Trasdeza, para a atención ás persoas con discapacidade, ás que ofrece un servizo de orientación laboral os primeiros venres de cada mes en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Pablo Penide, orientador laboral de Amicos, encargarase de orientar, informar e asesorar na búsqueda de emprego e formación, elaborando un perfil profesional e un diagnóstico ocupacional. Tamén se crearán itinerarios personalizados para conseguir a inserción laboral para todas aquelas persoas que o precisen.
Ademais, o equipo de emprego da asociación tamén ofrecerá na mesma localización o servizo de asesoramento a empresas para, entre todos, alcanzar a inclusión das persoas con discapacidade en ámbitos que melloren a súa calidade de vida.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, destacou que con esta colaboración o municipio de Silleda dá un paso máis “na necesaria inclusión das persoas con discapacidade, que suman neste colectivo un novo referente”.
Este convenio de colaboración nace cando o equipo de emprego de Amicos acaba de lograr xa as 100 insercións laborais no que levamos de ano. E, dende a asociación, esperamos poder seguir traballando a prol das persoas, axudándolles a alcanzar as súas metas de vida.
Todas as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social que precisen apoio pódense poñer en contacto coa Área de Emprego de Amicos no teléfono 981 865 786 ou no correo de persoas@amicos.org. Do mesmo modo, as empresas que estén en búsqueda de persoas para incorporar a súa plantilla, pódense poñer en contacto connosco a través das mesmas vías.
Bótalle un ollo a todas as opcións que tes para colaborar como empresa: