Viaqua e Amicos organizaron hoxe unha xornada de voluntariado ambiental en Santiago de Compostela a beira do río Sarela, no parque de Galeras. Na actividade participou o voluntariado corporativo da compañía, os compañeiros e compañeiras da Asociación e os nenos e nenas do campamento de verán da USC.

Esta acción, enmarcada dentro do programa europeo Let´s Clean Up Europe de Viaqua e do noso proxecto Re-Mar, ten por obxectivo concienciar á cidadanía sobre a importancia dun consumo responsable e do impacto dos residuos que xeramos no medio onde vivimos. Para iso, persoal de Viaqua trasladou aos participantes consellos sobre como facer un uso responsable da auga no fogar e que produtos non debemos tirar polo retrete, como toalliñas, bastonciños e compresas, entre outros, que rematan en ríos como o Sarela.

Dende Amicos traballamos día a día para concienciar da necesidade de coidar da nosa biodiversidade, da nosa natureza e das nosas costas. Para elo, levamos a cabo varios proxectos ambientais, como Re-Mar para que, coa colaboración de toda a cidadanía, podamos facer un mundo mellor e máis inclusivo.

Logo da actividade de concienciación e de limpeza, os preto de 100 voluntarios clasificaron e contabilizaron os 1700 residuos recollidos, entre os que destacan as máis de 1000 cabichas, envases de plástico, papeis, palliñas de plástico e latas. A xornada rematou co xogo Re-Mar, liderado polos nosos compañeiros e compañeiras, onde os participantes tiveron que responder preguntas a cuestións relacionadas coa actividade como o tempo que tarda en degradase unha bolsa de plástico.

En Viaqua levan anos traballando na concienciación á cidadanía sobre o coidado da auga e o medio ambiente, a través de programas educativos, visitas as súas instalacións ou iniciativas de voluntariado ambiental, onde a implicación do persoal da compañía así como de entidades como AMICOS ou a Fundación USC é fundamental para contribuír a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, concretamente ao ODS 12, Produción e consumo responsables.

A xerente de Viaqua en Santiago de Compostela, Ana Tejeiro, quixo agradecer a “colaboración do Concello de Santiago de Compostela e a implicación da Asociación AMICOS, da Fundación USC e do persoal de Viaqua para que a xornada ambiental fose un éxito”. Destacou a “importancia de achegar á cidadanía estas accións e que vexan as consecuencias que teñen os residuos no medio ambiente”.

Pola súa banda, o representante da área de Emprego e Empresas de AMICOS, Miguel Beiro, destacou: “Para Amicos hoxe é un gran día no que fortalecemos e visibilizamos a nosa alianza con Viaqua para construír futuros verdes e inclusivos”, pois “organizacións como Viaqua son un exemplo do apoio que necesitamos para lograr os obxectivos comúns”. Engadiu que accións como esta “poñen o foco no noso lema de ‘coidar do noso coidando dos nosos’ e no noso cometido de alcanzar unha inclusión real das persoas con discapacidade intelectual”.