Hoxe clausuramos o curso ‘Auxiliar de cociña’, pertencente ao programa ‘Más Empleo’ que desenvolve en colaboración coa Fundación La Caixa e o Fondo Social Europeo. Os oito alumnos formados recibiron un diploma en recoñecemento ao seu esforzo.

O curso, dirixido a persoas desempregadas con discapacidade ou en risco de exclusión social, tivo unha duración de 40 horas prácticas. Aínda que no seu inicio o alumnado tivo unha formación previa teórica para obter o carné de manipulador de alimentos.

Miguel Mosteiro, coñecido cociñeiro pola súa aparición en programas como ‘Estache bo’ da TVG, foi o encargado de impartir o curso e destacou a implicación do alumnado en todos os tipos de platos que elaboraraban, “dende cousas máis básicas ata platos máis elaborados como coello en escabeche”. Desexou que a aprendizaxe alí adquirida “lles valga para poder traballar en hostalería”.

Doutra banda, Miguel Beiro, responsable da área de Empresas e Emprego de Amicos: “Para a Asociación Amicos é un verdadeiro pracer e unha honra estar aquí un ano máis, nesta terceira edición da acción formativa”. Engadiu: “A formación é unha parte máis do proceso para conseguir a inserción sociolaboral”.

Entre os asistentes estiveron tamén María Maneiro Quintáns, Tenente Alcalde do Porto do Son e Manel Deán Pouso, Concelleiro de Emprego do Porto do Son que dedicou unhas palabras de agradecemento a asociación e felicitou ao alumnado que realizou a formación. Rematou animando a que “calquer local de hostalería ou de restauración poidan contar con eles nun futuro o máis próximo posible”. Ademais estivo presente Jose M. Pazó, Orientador Laboral do Concello de Porto do Son.

Tras a entrega de diplomas levouse a cabo un ‘Show cooking’, onde os alumnos e alumnas formados elaboraron diferentes platos para poñer en práctica todos os coñecementos adquiridos.