Amicos celebrou hoxe no Auditorio Municipal de Ribeira un acto de recoñecemento ao alumnado que se formou durante o primeiro semestre de desenvolvemento do Programa Integrado de Emprego 2021–2022.
O obxectivo principal do Programa Integrado de Emprego é a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral das persoas en situación de desemprego mediante a combinación de accións de formación ocupacional, prácticas non laborais e prospección e mediación coas empresas.
O acto estivo guiado por Laura Castro, participante do Programa Integrado de Emprego 2021-2022. Estivo acompañada de Nerea Ageitos, participante do Programa durante o ano anterior, que relatou un emotivo conto titulado ‘Por catro esquiniñas de nada’, unha historia dun sono inalcanzable que, neste caso, é atopar un traballo acorde as necesidades de cada un e unha.
Manuel Emilio Pérez Outeiral, 2º Teniente Alcalde de Ribeira, deu a benvida a todos e todas o acto recalcando que “todo o que estea nas nosas mans estaremos ao voso carón brindando o máximo apoio na vosa causa”.
De seguido, Xoan España, Director Xeral de Amicos, explicou os resultados alcanzados ata o momento. Un dato que destacou é que dos 122 participantes que estiveron no Programa Integrado de Emprego 2021-2022 de Amicos, 53 persoas xa poideron acceder ao mercado laboral. Todos e todas residen nos Concellos de Boiro, Ribeira, Pobra do Caramiñal, Noia e Porto do Son.
Ao redor de 70 participantes do Programa xa realizaron varios itinerarios formativos en comercio (175 horas), almacén e industria (80 horas) e limpeza (90 horas) polos cales recibiron o seu correspondente diploma. Nos meses que quedan, o alumnado terá a posibilidade de continuar a súa acción formativa a través dos seguintes cursos: ‘Acompañante de transporte escolar’, ‘Alfabetización informática’ e ‘Formación en emprendemento e mobilidade internacional’. Xoan España animou a todos os participantes a que “a pesar da dificultade, cada día temos que dar un pasiño máis”.
Ademais, como non hai mellor forma de aprender que “aprender facendo” asináronse 21 convenios de prácticas con empresas da comarca. Hoxe contouse coa participación de varias empresas, como é o caso de Estefanía López Amado, Técnico de Organización e Talento en Vegalsa-Eroski. que deu a “enhorabuena a todos los participantes que habéis hecho posible la consecución de estos datos”. Engadiu: “Seguiremos apostando por el nexo de unión con Amicos porque es una buena manera de apoyar a esos colectivos que lo tienen un poco más complicado que el resto”. Do mesmo xeito, Luisa Vidal, representante do Grupo Nexo, animou a todos e todas os participantes porque “seguir formándose é a única forma de conseguir un emprego”.
O Programa Integrado de Emprego 2021 – 2022 está financiado pola Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal, Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social. Por iso se contou coa presenza hoxe de Fernando González Abeijón, Director Xeral de Persoas con Discapacidade, que agradeceu o labor de Amicos, “unha entidade que fai que Galicia sexa máis xusta e inclusiva” e felicitou a todo o alumnado por haber chegado ata aquí.
Doutra banda, Judit Fontela Baró, Xefa Territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade: “O PIE é un dos mellores instrumentos para mellorar a empregabilidade”. Engadiu: “Amicos aporta valor a todas as vantaxes do Programa Integrado de Emprego”, pois “as súas metodoloxías centradas na persoa son garantía de éxito”.