- Ambas entidades renovamos un compromiso de colaboración que conta con máis dunha década de actividade
- Ao acto acudiron a directora de relacións institucionais de Jealsa, Margarita Hermo, e o director xeral e de transformación de Amicos, Xoan España
A nosa sede de Comoxo acolleu a mañá deste mércores, 11 de outubro, a renovación do convenio de colaboración entre a asociación Amicos e a conserveira boirense Jealsa. Coa sinatura deste acordo amplíase un ano máis o compromiso entre ambas entidades, que xa cumpre máis dunha década, co obxectivo de facilitar a integración das persoas con discapacidade na sociedade, tanto a nivel vital como laboral. No acto estiveron presentes a directora de relacións institucionais de Jealsa, Margarita Hermo, e o director xeral de transformación de Amicos, Xoan España, que fixeron un balance moi positivo destes máis de dez anos de traballo en equipo.
A través desta colaboración continuaremos a trabajar de forma conxunta para favorecer a formación prelaboral de persoas con discapacidade intelectual, así como incrementar as oportunidades e apoios dirixidos a persoas con grandes discapacidades a través tanto da fábrica social de Amicos como dos seus talleres prelaborais. Outro dos piares fundamentais deste convenio xira en torno á infancia, coa posta en marcha de proxectos de integración escolar de nenos con discapacidade e á visibilización e sensibilización a través dos programas Badaboom e Festiritititi, e a continuidade da unidade de apoio e estimulación sensorial do centro.
Neste senso, Xoán España quixo salientar que “para unha organización como Amicos é un gran respaldo contar con que un grupo empresarial como Jealsa siga colaborando e crendo nisto, e siga apostando por transformar e construir eses novos futuros inclusivos nos que as persoas con discapacidade son actores fundamentais”. Asemade, o director xeral de Amicos destacou que “cando nos falan de responsabilidade social empresarial poñemos a Jealsa sempre como exemplo. A semana pasada falaba no Fondo Europeo de Fundacións de como a colaboración ten que ir máis alá e ten que ser 360, non pode quedar só nunha aportación económica. Jealsa é o exemplo dunha compañía que sempre creu niso e ademáis pono en marcha, non polas esixencias que marca a normativa senón porque cre nel”.
Pola súa banda, Margarita Hermo destacou que “en Jealsa cremos que unha sociedade máis inclusiva se constrúe entre todos, por eso para nós Amicos é como unha extensión da nosa casa. Fai máis de dez anos que vimos colaborando, gracias en primeiro lugar ao impulso do noso fundador Jesús Alonso, quen dende os inicios apostou por este proxecto. Dende aquela seguimos desenvolvendo cada vez máis programas de integración como a Fábrica Social“.
Tamén fixo fincapé en que “creemos que é importante darlle difusión a labor que estades desenvolvendo e así o facemos non só coa sinatura pública deste convenio, seno tamén co Festirititiri, a elaboración das caixas regalo…estamos seguros que moitas outras empresas e institucións teñen cabida neste proxecto”.
Hermo quixo rematar cunhas palabras de agradecemento para todos os que forman parte de Amicos pola labor que levan a cabo e celebrou o crecemento da asociación ao declarar que “é bo ver que cada vez Amicos vai medrando máis, vai ofrecendo máis servizos, vai axudando cada vez a máis persoas e a esa integración, vai dando máis visibilidade á necesidade da integración. E nós dende Jealsa, co noso programa de responsabilidade social corporativo We Sea, cremos como vós que as persoas teñen que ser axudadas por outras persoas, e na medida que poidamos vamos seguir estando aquí ao voso lado”.
NOTICIAS EN MEDIOS
Para máis información:
T. 981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org