• O evento, que se celebrou no Pazo de Goiáns este xoves 16 e venres 17 de novembro, encádrase dentro do proxecto Rural Youth of Europe
  • Estas xornadas xuvenís xiraron en torno á Nova Bauhaus Europea e a súa aplicación aos retos da vida rural
  • Organizado por Amicos, contou coa colaboración do Concello de Boiro e a presenza do alcalde e a concelleira de Cultura durante o acto de apertura

O programa Rural Youth of Europe chegou a Boiro esta semana da man da Asociación Amicos, que foi a encargada de organizar un novo encontro Rural Youth Europe Creative Jam. O evento tivo lugar o xoves 16 e venres 17 de novembro no Pazo de Goiáns, baixo o título ‘The New European Bauhaus: Society, Equality and Inclusion’, onde se deron cita máis de sesenta mozos e mozas de distintos países europeos co obxectivo de atopar solucións innovadoras aos retos que encara a sociedade rural.

 

 

O proxecto Rural Youth of Europe arrincou a comezos deste ano 2023, e nestes meses de actividade os participantes puideron intervir noutros tres encontros realizados en Malta, Lugo e Santiago de Compostela. Neles abordáronse cuestións como a xuventude, o emprendemento, a innovación e tecnoloxía e a democracia e a participación xuvenil na mesma.

Agora foi a quenda de Boiro, nunha xornada organizada por Amicos co apoio do Concello de Boiro. Así, durante os días 16 e 17 de novembro, chegaron ao Pazo de Goiáns máis de medio cento de mozos e mozas de países como España, Portugal, Malta e Rumanía para asistir a un hackaton no que idear solucións de maneira colaborativa aos retos que se lle presentan ao rural no marco do desenvolvemento sustentable. Ata alí tamén se achegaron o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e a concelleira de Cultura, María Outeiral.

Asemade, nestas xornadas os rapaces aproximáronse ao concepto da Nova Bauhaus Europea, que busca “impulsar a dimensión arquitectónica e o seu valor na mellora da calidade de vida en pobos e cidades incidindo no concepto da calidade e na ‘cultura do entorno construído’”.

 

 

Con isto en mente, a xornada contou con obradoiros formativos sobre arquitectura sustentable e bioconstrucción, ferramentas de software libre e ciberseguridade ou videoxogos accesibles e inclusivos. Outros puntos fortes foron un roteiro interpretativo das conexións entre o rural e o urbano. Os participantes tamén puideron desfrutar dun magosto con castañas asadas e música tradicional, no que se achegaron de forma distendida a unha costume galega tan arraigada.

Para rematar, o venres 17 de novembro, os mozos presentaron ante un xurado os seus proxectos, nos que tentaron dar respostas creativas e innovadoras ás cuestións que se lanzaron durante os dous días de evento.

Se ben as liñas xerais destos estarán dispoñibles na páxina web do programa Rural Youth of Europe, os proxectos gañadores resultaron Magic Mirror, seguidos de Ife en segundo lugar e Home Keeping no terceiro. A todos eles se lles fixo entrega dun diploma de acreditación.

 

Rural Youth of Europe

O proxecto Rural Youth of Europe está impulsado pola colaboración entre as entidades Amicos de Boiro, LugOpenFactory de Lugo, a Fundación Galicia Europa, a Cámara de Comercio de Santiago, a Eurocidade Chaves-Verín, e coa entidade local Regjun Tramuntana, de Malta.É cofinanciado pola Comisión Europea mediante o seu programa CERV (Cidadáns, Igualdade, Dereitos e Valores).

 

NOVAS EN MEDIOS

CANAL BARBANZA

O BARBANZA

DIARIO DE AROUSA

 

Para máis información:

981 865 716 – M. 658 753 047

hola@amicos.org