- O festival conmemorou o Día Internacional das Persoas con Discapacidade no pavillón de Barraña este venres, 1 de decembro
- Contou coa participación de máis dun milleiro de escolares e profesores, aos que se uniron un gran número de persoas do tecido social da bisbarra
A sexta edición do Festiritititi reuniu a mañá deste venres, 1 de decembro, a máis de 1000 escolares e profesores dun total de 15 centros de educación de Barbanza e bisbarra para celebrar o Día das Persoas con Discapacidade. Unha festa chea de xogos inclusivos, animación, obradoiros e moita música que non se quixeron perder a propia presidenta da asociación, Esther Vidal, e representantes institucionais como Begoña Abeijón, directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta, Mar García a deputada de Servizos Sociais, Educación e Mocidade, e José Ramón Romero, alcalde de Boiro.
O festival da inclusión organizado pola asociación Amicos en Boiro aséntase como referente integrador na zona do Barbanza cunha sexta edición que esta mañá acadou o seu récord de participación nos seus seis anos de historia. A xornada comezou sobre as 11.00 horas coa chegada ao pavillón de Barraña, en Boiro, dos alumnos e profesores dos 15 centros educativos que acompañaron aos beneficiarios e ao equipo de Amicos nesta celebración. Así, participaron centros de Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Lousame, Padrón e Dodro.
Os amicos Mariana e Manuel Prado foron os encargados de darlle a benvida aos nenos e nenas, nunha presentación na que estiveron acompañados por Pilar Sampedro, responsable de centros. A continuación, comezou unha festa que contou con moitas actividades lúdicas dirixidas ao xogo inclusivo como o pano, poñerlle o rabo ao burro, tres en raia, rompetestas… Así como obradoiros de maquillaxe, creación de chaveiros, creación de figuras con globos… e espectáculos.
Asemade, a festa contou cun dragón mariño de dúas cabezas e coa actuación de DJ Matrek, que foi o encargado de poñer música ao evento. Así como animación para recibir e despedir aos nenos e nenas.
Tampouco se perderon esta festa que busca celebrar a diversidade e promover a integración das persoas con discapacidade Begoña Abeijón, directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta, Inmaculada Fernández, subdirectora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, e María del Mar García, deputada de Servizos Sociais, Educación e Mocidade, José Ramón Romero, alcalde de Boiro, Raúl R. Treus, concelleiro de Servizos Sociais de Boiro. Tamén asistiron representantes dos concellos de Ribeira, A Pobra, Rianxo e Lousame, así como de asociacións como Cruz Vermella e partidos políticos locais.
Esther Vidal, presidenta de Amicos, quixo destacar que “hoxe é un día moi importante para Amicos, posto que celebramos o Día da Discapacidade. Levamos seis anos co Festiritititi e hoxe emocioneime ao entrar pola porta porque vemos que cada vez somos máis persoas. Hoxe fomos máis de 1000 persoas, entre persoas con discapacidade e cativos, e é moi importante que os pequenos vexan que as persoas con discapacidade poden integrarse e ser felices, mediante unha integración real, que é o que se ve aquí”. Tamén tivo unhas palabras de agradecemento para “as persoas, empresas, institucións, voluntarios e todos os que fixeron posible que o Festiritititi sexa un éxito”.
A directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta, Begoña Abeijón, quixo agradecer a Amicos a invitación ao seu primeiro Festiritititi así como “por todo o que fai polas persoas con discapacidade e as súas familias no Barbanza, e por organizar iniciativas deste tipo. Esta é a sexta edición e para a Xunta de Galicia sempre é un pracer participar neste tipo de actos tan entrañables, que organiza Amicos. Os nenos pasaron aquí unha mañá divertidísima chea de actividades, música e alegría, e diso é do que se trata, de que con actos coma este darlle visibilidade ás persoas con discapacidade”.
Pola súa banda, José Ramón Romero, alcalde de Boiro, afirmou que “o concello está encantadísimo con este tipo de actos nos que se mostra que o que se quere conseguir é a integración, e que mellor maneira que inculcarllo aos escolares dende idades temperás”. Parael, o Festiritititi “é unha festa moi bonita, na que participou todo o mundo, e para Boiro este tipo de actos, vindo dunha entidade como Amicos, que para nós é unha das entidades sociais máis importantes de Galicia e quizáis xa tamén de España, é un orgullo”.
Outra das asistentes foi Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais de Jealsa, que quixo destacar que “nestos seis anos foi moita a evolución que tivo o festival, e da gusto ver como se traballa a integración desde os colexios, como Amicos conseguiu achegar á comunidade educativa o importante que é construir unha sociedade máis inclusiva”. Tamén dixo que “hoxe foi un día de festa, no que os nenos puideron divertirse ao tempo que traballaban algo tan importante como é a inclusión. Un traballo que non debe quedar só nos colexios, posto que é fundamental que os pais axudemos a que os nosos fillos aprendan que esta sociedade construímola entre todos, e que cun pouquiño que aportemos construiremos unha sociedade mellor para vivir todo o mundo.
Unha visión que Amicos comparte con Jealsa, que dende o seu programa RSC WE SEA “traballamos coas persoas, posto que son o centro do noso universo, e para construír unha sociedade máis próspera e mellor para todos na que todos formemos parte dela. As persoas con capacidades diferentes axudan a construír esa sociedade máis inclusiva, e esa sociedade mellor para todos”.
Esta sexta edición do Festiritititi contou coa colaboración de Gadis, Viaqua, Moonoff, Pan do Mar, Grupo Nosa, Fesba, Serdeco e Boiresa.
NOVAS EN MEDIOS
TELEVISIÓN DE GALICIA (min 20:19)
Para máis información:
- 981 865 716
- 658 753 047