• Amicos e amicas do Centro de Atención Integral de Boiro visitaron as lonxas de Aguiño e Cabo de Cruz para coñecer as boas prácticas realizadas na pesca e o marisqueo
  • Esta iniciativa realizase ao abeiro do proxecto Bitácora, financiado polo GALP Ría de Arousa a través da Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA)

Se hai un mes en Galicia no que o marisco e o peixe son os protagonistas, ese é sen dúbida o mes do Nadal. E aínda que somos unha comunidade moi vinculada á pesca e ao marisqueo, sobre todo nas zonas de costa como o Barbanza, aínda nos queda moito para coñecer en profundidade os procesos previos á chegada á mesa dos productos do mar. E para afondar e transmitir estes coñecementos, amicos e amicas do Centro de Atención Integral de Boiro visitaron este xoves e venres, 14 e 15 de decembro, as lonxas de Aguiño e Cabo de Cruz ao abeiro do proxecto Bitácora, financiado polo GALP Ría de Arousa a través da Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA).

Así, o xoves 14 de decembro os mozos e mozas achegáronse á lonxa de Aguiño, en Ribeira, onde coñeceron da man dos mariscadores como é o día a día na lonxa, así como o traballo de separación e clasificación dos peixes e mariscos para a súa posterior venda. Ao longo da mañá, Manuel Ángel, mariscador e presidente da confraría de Aguiño, fixo un oco para explicarnos como se desenvolve a poxa na lonxa e os segredos da pesca dos ourizos e percebes.

 

Ao día seguinte, o venres 15, foi a quenda de visitar a lonxa de Cabo de Cruz en Boiro. Alí puidemos afondar no funcionamento deste tipo de lugares e coñecer máis a fondo o proceso de pesca, separación e venda, en especial de moluscos bivalvos como as ameixas.

O obxectivo destas visitas foi coñecer en primeira persoa as técnicas de pesca que se levan a cabo no entorno do Barbanza da man de profesionais do sector pesqueiro, así como observar a importancia de respectar os ciclos naturais que garantizan a sustentabilidade dos recursos mariños. Deste xeito, os amicos e amicas puideron ver como o traballo que realizan coas limpezas e o coidado do ecosistema mariño ten un efecto positivo no marisqueo e a pesca, e como este sector, á súa vez, leva a cabo prácticas para garantir que poidamos desfrutar do mar e os seus froitos, tanto no presente como de cara ao futuro.

 

Proxecto Bitácora

Ámbalas dúas visitas encádranse no proxecto Bitácora, financiado polo GALP Ría de Arousa a través da Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA).

Esta iniciativa arrincou con estas xornadas para coñecer o funcionamento do distintos aspectos do sector pesqueiro da man de profesionais do mesmo. Coñecementos que os amicos e amicas aplicarán en posteriores formacións de divulgación e sensibilización ambiental das zonas costeiras e espazos protexidos, así como divulgación sobre o patrimonio cultural vinculado ao sector pesqueiro e accións que buscarán valorizar os productos pesqueiros da comarca.

Outros dos aspectos clave deste programa serán as sesións de sensibilización en centros educativos, xornadas de limpeza de praias e deseño de materiais gráficos e promoción in situ de produtos pesqueiros.

 

 

Para máis información:

981 865 716 – M. 658 753 047

hola@amicos.org