• O festival tivo lugar esta mañá en Noia, nunha xornada cargada de música, bailes, teatro e un lotobingo.
  • Os calendarios benéficos poden adquirirse no Centro de Atención Integral de Boiro, cun custo de 7 euros o de mesa e 8 euros o almanaque grande para colgar.

 O Teatro Coliseo Noela de Noia acolleu esta mañá o tradicional festival de Nadal de Amicos. O evento comezou ás 12 horas coa presentación do noso calendario solidario, á que acudiron representantes dalgunha das empresas colaboradoras así como distintos membros de gobernos municipais da zona. A continuación, os amicos e amicas actuaron nunha xornada cargada de música, bailes, xogos e moito teatro.

O festival arrincou coa presentación do calendario do próximo ano, que nesta ocasión ten como temática principal as profesións e labores artísticas. Así, os doce amicos e amicas dos centros de Boiro e Oleiros que nos acompañarán durante o 2024 puxéronse ante as cámaras de Lesmes Fotógrafos para porlle rostro a traballos como o de fotógrafo, director de cine, músico ou palilleiro entre outros. Todo elo dende unha visión moi persoal e intimista.

 

 

Os calendarios benéficos poden adquirirse no Centro de Atención Integral de Boiro, cun custo de 7 euros o de mesa e 8 euros o almanaque grande para colgar. A creación do mesmo contou coa participación de Lesmes Fotógrafos, profesional ribeirense sobradamente recoñecido e galardoado, que foi o encargado de retratar e conducir aos amicos cuxas fotos nos acompañarán ao longo do ano 2024.

Os encargados de darlle a benvida aos asistentes foron a amica Adriana Miguéns e Gabriel Rodríguez. A continuación, Digna Iglesias, vicepresidenta de Amicos, quixo destacar a gratitude de Amicos “con Lesmes Fotógrafos, que leva máis dunha década colaborando con nós e facendo as fotos do calendario, e darlle as grazas tamén ás empresas colaboradoras, que fan que este calendario sexa posible, así como con todos os que colaboran con nós e ao Concello de Noia”. Un calendario benéfico que calificou como “moi bonito, cunhas fotos preciosas”.

Iglesias tamén animou a todos os presentes a que desfrutaran do festival, que xa é unha tradición da organización nestas datas, e agradeceu a súa presenza. Unha gratitude que tamén quixo trasladarlles aos asistentes Concepción Rodríguez, representante de Gadis no evento.

Tras estas palabras comezaron as actuacións, que foron presentadas por Nuria Fernández, coordinadora do centro de educación especial de Oleiros, e os pekes Mariana Zurita e Alfonso Romero. Os primeiros en actuar foron os cativos e cativas de Pekes, que cantaron o vilancico O camiño que leva a Belén acompañados de instrumentos feitos por eles mesmos.

 

 

Os seguintes foron os amicos e amicas do centro de Boiro. O primeiro grupo cantou varias panxoliñas, tanto de composición propia como tradicionais, acompañados polo técnico Javier Lagares á guitarra. A continuación, foi a quenda dunha coreografía do tema de Sergio Dalma Sólo tú e despois un baile adaptado da canción Feliz Navidad representado por amicos con mobilidade reducida para o que botaron man de bastóns de caramelo xigantes e balóns terapéuticos.

Despois chegou o momento do obradoiro de teatro de Amicos, que representaron unha obra protagonizada por Papá Noel, na que se representou a lectura das cartas e o reparto dos agasallos durante a Noiteboa. Con toques de humor, as persoaxes chegan á conclusión de que o maior regalo do Nadal son as xuntanzas cos seres queridos, tralo que cantan o vilancico El tamborilero.

A última actividade da mañá foi o lotobingo creado polos Pekes, que foron os encargados de crear toda a utilería e realizar o sorteo, inspirado no sorteo da lotería de Nadal. Se ben participaron todos os asistentes, o gañador foi Andrés Rosendo, que recibiu como premio unha cesta cunha axenda, unha postal e un dominó, ámbolos dous elaborados polos amicos máis cativos.

Arredor das dúas tivo lugar o peche do evento, no que todos os amicos e amicas invitaron ao resto de asistentes a subir ao escenario para cantar e bailar as panxoliñas Mi burrito sabanero e Campana sobre campana, e os presentadores ata se animaron a cantar!

 

 

NOVAS EN MEDIOS

LA VOZ DE GALICIA

DIARIO DE AROUSA

DIARIO DE AROUSA II

Para máis información:

981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org