- Os vinteseis participantes na limpeza recolleron un total de cinco quilos de lixo, a maioría plásticos
- A xornada foi organizada por REFIX, Noia Limpa, Mar de Fábula e RetoqueRetro, co apoio da Asociación Amicos
Varios amicos e amicas achegáronse este sábado, 20 de xaneiro, a Porto do Son para unirse á recollida de pellets que se está a levar a cabo en toda a costa galega nas últimas semanas. A xornada, que tivo lugar na praia de Cabeiro, foi organizada pola empresa REFIX, a plataforma Noia Limpa, a Asociación Mar de Fábula e RetoqueRetro, co apoio da Asociación Amicos.
Durante a mañá, as vinteseis persoas que participaron na limpeza recolleron un total de cinco quilos de lixo, entre os que había pellets, pero sobre todo moitos residuos e pequenos pedazos de plástico. A maiores, a empresa galega de bebidas a base de auga do mar REFIX facilitou un trommel para a recollida de pellets, que consiste nun tambor rotativo que facilita o filtrado e separación dos residuos da area.
A pesar do clima invernal deses días, este deu unha pequena tregua, o que facilitou o traballo na praia. Asemade, as amicas e amicos desfrutaron dunha mañá chea de bos momentos e moitas risas ao lado de técnicos e voluntarios, se ben o traballo de extracción de ciscallos foi intenso.
Amicos Mares Limpos 2024
A asociación Amicos ten en marcha dende fai anos varios proxectos relacionados co coidado do medio ambiente, un dos valores principais da entidade. Entre eles destacan actividades de concienciación en colexios, reforestación, limpeza ou conservación de espazos protexidos, entre outros.
Con motivo da situación que se está a vivir nas costas galegas a raíz da vertedura de pellets, Amicos ten previsto continuar coas limpezas de praias. Se ben esta é unha actividade que os amicos e amicas realizan de forma regular para reducir os residuos nas costas, está previsto realizar varias accións con centros educativos nas próximas semanas.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org