- Os amicos e amicas elaboraron dous murais, mediante os que coñeceron en que consisten algúns dos tipos de cancro con maior incidencia
- A primeira das composicións consiste nun conxunto de lazos de cores co nome dos cancros que representan, baixo o lema “cada batalla é distinta”
Este domingo, 4 de febreiro, conmemórase o Día Mundial contra o Cancro. A iniciativa está impulsada pola Unión Internacional Contra o Cancro e a Organización Mundial da Saúde, co obxectivo de concienciar sobre unha enfermidade que se calcula que 1 de cada 5 persoas desenvolverá ao longo da súa vida, segundo datos da OMS.
A alta incidencia desta enfermidade implica que convivamos co cancro día a día. Por iso, dende Amicos non quixemos deixar pasar a oportunidade para coñecer un pouco máis sobre os distintos tipos de cancro que existen, e mostrar o noso apoio ás persoas que pasaron e están a pasar por esta enfermidade.
Así, os mozos e mozas do Centro de día elaboraron dous murais sobre esta temática co apoio dos técnicos de desenvolvemento. O primeiro deles consiste nun conxunto de lazos de cores co nome dos cancros que representan, baixo o lema “cada batalla é distinta”. A través desta actividade, os técnicos ofrecéronlle aos beneficiarios de forma lúdica unha pequena explicación de en que consisten cancros como a leucemia ou o melanoma, así como datos para coñecer un pouco mellor a incidencia dos mesmos.
O segundo mural pon o aceno no apoio ás persoas que conviven ou conviviron con esta enfermidade, tendo en conta as distintas que son estas afeccións, así como os seus síntomas e tratamentos. Outro dos aspectos clave son os distintos factores de risco que poden incrementar as posibilidades de sufrir algúns tipos de cancro, e a importancia da prevención e a detección precoz.
En Amicos consideramos que este tipo de días son os idóneos para darlle visibilidade, concienciar e apoiar ás persoas que sofren esta realidade, así como continuar reafirmando a importancia da investigación no ámbito da saúde. Con esta idea, quixemos aportar un pequeno grao de area nas nosas redes sociais, onde podedes atopar unha pequena cápsula de datos sobre algúns dos distintos tipos de cancro. Non dubides en botarlle unha ollada ao noso Instagram e Facebook!
Para máis información:
T. 981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org