• Os amicos e amicas celebraron un entroido inspirado no sétimo arte e ata participaron na entrega de premios dos Amioscar
  • Á celebración uniuse Begoña Abeijón, directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia

 

O carnaval é unha das festas favoritas dos amicos e amicas, e como tal, tomámola moi en serio. Por iso, un ano máis quixemos superarnos elaborando os disfraces máis chulos de toda a contorna, e quedamos de cine! E precisamente esa foi a temática escollida este ano, a sétima arte, que foi a protagonista da nosa celebración este xoves, 8 de febreiro, no Centro de atención integral de Boiro.

Os preparativos estendéronse arredor de dúas semanas, durante as que os mozos e mozas crearon tanto os seus disfraces como a decoración do centro, que incluíu dende un portelo de venda de entradas ata distintos murais sobre temática cinéfila, que foron colocados nos corredores do centro. Os mesmos que serviron de escenario para o desfile que tivo lugar na mañá do xoves, a partir das 12.00 horas.

 

 

 

Alí déronse cita numerosas personaxes cinematográficas. Os encargados de abrir o desfile ao ritmo da música da banda sonora foron os amicos e amicas de expresArte, que se disfrazaron dos 101 dálmatas. Seguíronos os compañeiros de olaría caracterizados de Charles Chaplin, tralo que foi a quenda de Pekes, que escolleron Alicia no país das marabillas, Fabrica Social de Charlie e a fábrica de chocolate, superheroes xurdidos do taller de tecnoloxía do centro, medio ambiente do Mago de Oz, e xogo do universo Harry Potter.

Entrega de Amioscars por parte do xurado

Todos os grupos pasearon ao son da música polo corredor do centro, e tralo desfile, realizouse a entrega dos Amioscar, estatuiñas feitas no taller de barro polos beneficiarios/as que acuden ao obradoiro. O xurado foi formado por Begoña Abeijón, directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Xoan España, director xeral de Amicos, Digna Iglesias, vicepresidenta da xunta directiva; e Fermina Fernández e Rosa González, familiares de Amicos.

Despois dunha intensa deliberación, o xurado realizou a entrega de premios, que quedou da seguinte maneira:

  • Amicoscar á mellor caracterización – Charles Chaplin de Olaría.
  • Mellor coreografía – Charlie e a fábrica de chocolate da Fábrica Social.
  • Mellor maquillaxe – 101 dálmatas de ExpresArte.
  • Mellor vestiario – Alicia no país das marabillas de Pekes.
  • Mellor posta en escena – Harry Potter de Xogo.
  • Mellor animación – grupo de superheroes de Tecnoloxía.
  • Mellor interpretación – Mago de Oz de Medio Ambiente.
  • Mención especial – para os traxes de Pedro Almodóvar (Sonia Fuentes), director de cine (Gabriel Rodríguez), acomodador (Pilar Sampedro) e acomodadora (María José Lamela).

 

 

 

 

Á súa vez, os membros do xurado recibiron das mans de varios amicos e amicas uns galardóns con forma de estrela, feitos tamén polo obradoiro de olaría. Tralo concurso, os amicos e amicas desfrutaron xuntos dun día cheo de música, doces típicos, baile e moita diversión. A eles uniuse Begoña Abeijón, directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, que desfrutou da xornada e visitou as instalacións da asociación.

Visita da directora xeral de Persoas con Discapacidade

Así, Xoan España calificou a presenza da directora xeral de Persoas con Discapacidade como “un honor posto que é unha gran colaboradora para as asociacións. Dende a súa área sacaron un novo contrato público para as prazas cunha modalidade de concerto social, apostaron por financiar e ampliar instalacións, e ao mesmo tempo seguiron apoiando as entidades nos proxectos de innovación en ámbitos como son os medioambientais ou de ocio… Non podemos máis que darlle as grazas por estar aí e innovar e mellorar de forma constante tódolos servizos e contribuír a que ningunha persoas con discapacidade quede atrás e haxa recursos para todos eles”.

Tamén quixo darlle as grazas “por vir, por sumarse a nós e sobre todo por, pese ás dificultades, cumprir con todo o prometido e que todo sexa unha realidade e salga para adiante”. Un agracedemento ao que tamén se uniu Digna Iglesias, vicepresidenta da xunta directiva da entidade.

 

 

 

 

Begoña Abeijón, pola súa banda, declarou que “xa estivemos aquí no Festiritititi, e agora estamos neste festival que está do máis animado. Para a Xunta de Galicia, Amicos é toda unha referencia no ámbito da atención ás persoas con discapacidade, e non só aquí na comarca do Barbanza senón tamén en Galicia”. Tamén salientou que “é un pracer colaborar sempre con eles, facemolo a través de varias liñas de axuda, a través do financiamento de prazas, e seguirémolo facendo no futuro con máis intensidade”.

Carnaval en Pekes

Ademais da celebración deste xoves, os cativos e cativas da área de Pekes festexarán un pequeno entroido no centro de Amicos en Oleiros. Alí desfrutarán este venres, 9 de febreiro, dunha mañá chea de música, baile, diversión e unha merenda conxunta. Se ben o xoves se adentraron no Mundo das Marabillas, o venres a rapazada poderá escoller o traxe que máis lle apeteza.

 

 

 

 

NOVAS EN MEDIOS

CANAL BARBANZA

DIARIO DE AROUSA

COPE

O BARBANZA

XUNTA DE GALICIA

DIARIO DE AROUSA II

Para más información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org