- A colaboración entre Maraiva e Amicos concretouse en xornadas de sensibilización ambiental e na venda dun produto benéfico
- Mariña Búa, portavoz de Maraiva, achegouse á sede de Amicos este luns para facernos entrega dun talón co recadado pola venda da súa auga micelar solidaria
A colaboración entre a empresa de cosmética natural Maraiva Sentir natural e a Asociación Amicos, que arrincou a comezos do ano 2022, cristalizou en varias iniciativas ao longo destes anos. Unha delas, a venda dunha auga micelar solidaria da que unha porcentaxe do precio vai destinado a apoiar as iniciativas e actividades da nosa entidade.
A mañá deste luns, 4 de marzo, Mariña Búa, portavoz e unha das administradoras de Maraiva, achegouse á sede de Amicos en Comoxo para facernos entrega dun talón cunha parte do recadado coa venda de cincocentas unidades deste produto solidario. No centro recibiuna Miguel Beiro, responsable da área de Emprego e Empresas da entidade, e Javier Freijo, amico do Centro de Día. Este último foi o encargado de recibir o donativo en nome da asociación.
Con respecto á visita, Beiro destacou que “sempre é un pracer recibir a Maraiva. Este é o exemplo dunha relación xenuína, con corazón, e é de agradecer que Mariña sempre saque un momento para interesarse polo traballo en Amicos e por aportar o seu grao de area. O seu proxecto é fantástico e estamos moi orgullosos desta alianza”.
Pola súa banda, Mariña Búa destaca que na empresa de Moraña “temos entre os nosos piares fundamentais coidar do medio ambiente e tecer redes con asociacións e outras empresas. Das nosas alianzas, esta é unha das que consideramos máis frutíferas ao tratarse da colaboración cunha asociación que coida das persoas e, á súa vez, coida tamén do medio ambiente”.
A empresaria rematou afirmando que esta “é unha sinerxia que para nós é súper positiva e na que queremos seguir traballando. Oxalá sigamos durante moito tempo”.
Auga micelar de San Xoán
A auga micelar benéfica de Maraiva está inspirada en algo tan galego como a tradicional auga de San Xoán. Un produto que “nos transporta ao verán, á noite de San Xoán, na que está inspirada, dando como resultado un produto emotivo e que gusta”.
Por cada compra deste produto, a empresa galega doa 0,50 euros a Amicos para aportar unha axuda para que poidamos seguir traballando polo benestar e a accesibilidade de persoas con discapacidade.
Outras iniciativas
Amicos e Maraiva tamén realizaron unha xornada de sensibilización ambiental e de recollida de residuos mariños no Grove, con voluntarios da asociación e do CEIP Plurilingüe Conmeniño. Patrocinado pola marca de coidado facial e o Hotel Spa Bosque Mar, durante a xornada recolléronse un total de vintedous quilos de residuos da praia Mexilloeira.
Para máis información:
T. 981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org
