- Este mércores recibimos a visita en Boiro das técnicas de Delagro Sonia Fernández, Cristina González e Mar Rey
- Amicos foi o encargado de elaborar os agasallos que a empresa entregará ás súas traballadoras con motivo do 8M
O mércores 6 de marzo, en Amicos tamén recibimos a visita de Sonia Fernández, Cristina González e Mar Rey, técnicas da empresa de distribución de subministración agraria Delagro. Durante a mañá, acompañámolas nun percorrido polo centro para que coñecesen as distintas áreas de Amicos e como se desenvolve o día a día dos amicos e amicas. A continuación, realizouse a entrega dos agasallos que a empresa entregará ás súas traballadoras con motivo do Día Internacional da Muller, elaborados nas nosas instalacións.
Á súa chegada, foron recibidas por Manuel Prado, beneficiario do Fogar Amicos, e Pilar Sampedro, responsable de centros da entidade, que foron os encargados de explicarlles que facemos na entidade e os moitos proxectos nos que participa a familia de Amicos. A eles uníronse Esther Vidal e Xoán España, a presidenta e o director xeral da asociación respectivamente.
Un percorrido polo CAI de Comoxo
Durante a mañá, as tres técnicas de Delagro visitaron as distintas áreas do centro, con especial atención á Fábrica Social. Un dos lugares onde toma forma o valor da colaboración e a solidariedade das múltiples empresas e institucións que traballan de forma conxunta coa nosa organización.
Por último, Sonia Fernández, Cristina González e Mar Rey recibiron de mans de Liliana, Sarai e Ramiro o agasallo que Delagro repartirá entre as mulleres do seu cadro de persoal. A través deste regalo, decorado polos amicos e amicas, a empresa de distribución de suministros agrarios con sede en Santiago de Compostela busca conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Dende Amicos agradecemos o apoio continuo de Delagro, así como esta colaboración a través da que promover a inclusión e a igualdade na sociedade. Unha mostra do valor da colaboración e a solidariedade na construción nun mundo de persoas que apoian a persoas.
Para máis información:
981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org