• Mía Ritscher e a Marlene Barth, ambas alemanas, chegaron á nosa asociación como voluntarias a través do Corpo Europeo de Solidariedade
  • Mía: “Non deixa de sorprenderme moito que tanto técnicas como os mozos e mozas se coñezan e se axuden tanto entre eles”

 

Despois de varios meses desfrutando da súa compañía e adicación, este venres 22 de marzo tocou despedirnos de Mía Ritscher e a Marlene Barth. As mozas, ambas alemanas, chegaron á nosa asociación como voluntarias a través do Corpo Europeo de Solidariedade. E pronto se fixeron un oco no equipo de Amicos, pois a  pesar da súa xuventude, só dezaoito anos, son todos un exemplo de persoas que apoian a persoas.

Mía realizou labores de apoio no departamento de Comunicación e Fundraising durante sete meses. Foi común vela de arriba para abaixo cargada coa cámara, preparada para inmortalizar os momentos máis bonitos. Pero non só foi fotógrafa, tamén realizou deseños, podcasts, entrevistas, algunha publicación en redes sociais e incluso foi a voz da entidade en algún vídeo que traspasou fronteiras.

Pola súa banda, Marlene traballou na área de Persoas como apoio dos técnicos e técnicas de desenvolvemento entre novembro e marzo. Nos obradoiros puidemos vela rodeada dos amicos e amicas, prestándolles axuda con manualidades, actividades de proxectos, algunhas saídas, no comedor… E sempre cun gran sorriso.

 

 

 

 

Agora, a unhas horas de rematar a aventura, quixemos preguntarlles sobre a súa experiencia como parte da familia de Amicos.

Á vosa chegada a Boiro, que foi o que máis vos chamou a atención?

Marlene: O amable que é a xente. Non podía falar español tan ben como agora, e a xente case sempre foi moi simpática e dábanos tempo para que nos fixésemos entender.

Mía: Si, e tamén que a natureza é moi bonita.

Cal diríades que foi o maior desafío que enfrontáchedes en Amicos?

Marlene: A veces traballar cos mozos e mozas é complicado, pero recibes moito máis do que das. O que máis me costou ao principio foi, ademais do idioma, a entender aos usuarios, non o que din senón a forma que cada un ten de expresarse, que é distinta para cada persoa.

Mía: Moitos. Aquí fixen moitas cousas que non fixera antes de chegar. Estou moi agradecida polas experiencias que conseguín aquí. Son únicas.

Marlene: E como non tiñamos experiencia laboral anterior, foi incrible que tiveramos a posibilidade de traballar aquí e que nos recibirades tan ben. Todos, tamén os beneficiarios, nos foron explicando cousas e sempre foron moi considerados.

Cal foi a maior aprendizaxe que levades da vosa etapa en Amicos?

Mía: Obviamente o idioma castelán.

Marlene: E tamén un montón de galego (risas).

Mía: (risas) E moitas habilidades sociais. A ser máis tolerantes e consideradas.

 

 

 

 

Marlene: O traballo con persoas con discapacidade tamén me fíxo darme conta de canta xente necesita apoio, a ver a vida de forma distinta, dunha forma más global e empática. Ademais do idioma, aprendín moito sobre traballar con xente con discapacidade, cousas que podo aplicar na miña vida en xeral. Aprendín a ser máis aberta, a tomarme tempo para entender a cada persoa, ver cales son as súas necesidades e apoialas. Agora son máis consciente dos pequenos detalles.

Mía: E nun aspecto máis persoal, esta tamén é a primeira vez que vivimos soas. Cada día aprendes novas cousas que tes que facer como persoa adulta, e tamén a coñecerte mellor. E no noso caso non só a ti mesma, tamén á unha compañeira de piso totalmente descoñecida que coñeces ao tempo que descubrides un país novo, unha nova cultura…

Recordades o momento máis bonito dos que vivichedes aquí?

Marlene: Hai moitos… (pensa) Fíxenlle un montón de pulseiras e pendentes a Fátima, usuaria do Fogar Amicos, pero recordo unha vez que lle fixen dúas pulseiras que eran iguais. Pois ao día seguinte regaloume unha delas e díxome que agora tiñamos unhas pulseiras da amizade.

Mía: Para min foi que fai uns días Cristian, que é un amico que case non se comunica de forma oral, aprendeu a decir o meu nome. E cando escoitamos que me chama é unha sensación… é como un cumprido para min. O mesmo que cando os mozos e mozas coñecen o meu nome e se alegran cando nos encontramos cada día.

Marlene: Si, e agora tamén recordo un obradoiro no que realizamos uns experimentos, tralos que lles expliquei aos mozos/as que fixeramos e que significaba. Todos e todas estaban moi curiosos e querían saber máis e máis, e foi unha experiencia moi bonita porque lles expliquei algo e eles entendérono e estaban moi interesados. Ou no Nadal, que lles axudei a facer uns disfraces e recordo o sorriso tan grande de Mariquiña (usuario do Centro de Día) cando viu o seu disfraz, porque lle encanta disfrazarse. Foi impresionante.

 

 

 

 

Facendo balance, que é o que máis vos sorprende de Amicos?

Marlene: A miña primeira impresión foi que a asociación é moi grande. Pero chámame a atención que funciona moi ben, que os amicos e amicas poidan elixir os talleres aos que queren ir, que estean tan involucrados en todos os procesos e teñan tanto poder de decisión.

Mía: Para min o trato que teñen as técnicas e técnicos cos mozos e mozas. Todos son tan cariñosos e amables!

Marlene: Coñecen moi ben a cada beneficiario/a, e saben perfectamente como calmalos e entendelos, que facer en cada momento. É un trato moi humano e personalizado.

Mía: E tamén entre os propios usuarios. Todos se coñecen tan ben… especialmente entre os residentes do Fogar Amicos. Perciben se alguén está nervioso ou se necesita algo. Non deixa de sorprenderme moito que se coñezan e se axuden tanto entre eles.

É marabilloso que vos involucrarades tanto. Algún consello que vos gustaría darlle a futuros voluntarios?

Marlene: Creo que é bo que veñan cunha actitude aberta, e que cando cheguen tomen un tempo para cada persoa e para entendela. Que non se tomen as dificultades como algo persoal e que intenten entender a todos, sobre todo aqueles que requiren un pouco máis de tempo porque non poden comunicarse oralmente.

Mía: E que aproveiten cada oportunidade que lles ofrezan durante o voluntariado. Que intenten entenderse a si mesmos durante este tempo e reflexionar para mellorar aquelo co que non estean de acordo. E aprender máis español!

Marlene: E sobre a cultura. Antes de vir pensaba que como todos somos europeos non sería tan distinto, pero si que o é.

Hai algo pendente que vos tería gustado facer ou ver durante esta estancia? Igual para futuras visitas…

Mía: A min quedáronme por ver a praia das Catedrais e Fisterra.

Marlene: A praia das Catedrais tamén a min, e a Costa da Morte.  Gustaríame volver para coñecer máis de Galicia, que ten unha natureza incrible, e para aprender un pouco máis de español e de galego.

Mía: Si, e tamén me tería gustado ir ás festas de verán, e a do Apóstolo de Santiago, que hai un montón de concertos, eventos…

 

 

 

 

E xa por último, que plans teñen Mía e Marlene unha vez finalizado con éxito o seu paso por Amicos?

Mía: Unha semana despois de chegar a Alemania comezarei a estudar Educación Especial na universidade de Colonia. Tamén me mudarei alí cunha das miñas mellores amigas, e teño moitas ganas de comezar esta etapa. Gustaríame traballar como profesora de nenos e mozos.

Marlene: Eu empezarei unhas prácticas como enfermeira nun hospital, e en outubro comezarei tamén na universidade para estudiar Medicina, penso que en Berlín. Gustaríame especializarme en ciruxía. Aquí deime conta que me gusta moito traballar en contacto coa xente, y para min medicina é unha mestura perfecta entre o ámbito científico e aspecto social.

Pola nosa parte, foi unha sorte contar con Marlene e Mía no equipo de Amicos e que se converteran en parte da familia. Moitísima sorte na nova etapa, esperamos que consigades todos os vosos propósitos!

Para máis información:

981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org