• A campaña itinerante impulsada pola entidade este ano ten como obxectivo achegarlle información sobre o TEA á veciñanza
  • Ao acto de presentación acudiron a concelleira de Educación, Igualdade e Diversidade de Ribeira, Cruz Rivadulla, e a presidenta e  vicepresidenta da entidade, Esther Vidal e Digna Iglesias respectivamente

 

Un ano máis, a asociación Amicos organizou este martes, 2 de abril, unha xornada especial para conmemorar o Día Mundial de Concienciación do Autismo. Así, Ribeira foi o lugar escollido para inaugurar esta mañá a campaña impulsada pola entidade este ano, que consiste nunha exposición informativa sobre o trastorno do espectro autista, que percorrerá os distintos concellos do Barbanza durante máis dun mes. Ao acto acudiron a concelleira de Educación, Igualdade e Diversidade de Ribeira, Cruz Rivadulla, e a presidenta e  vicepresidenta da entidade, Esther Vidal e Digna Iglesias respectivamente.

O evento arrincou cun pasapalabra sobre o TEA, no que tamén participaron as alumnas e alumnos do CEIP O Grupo de Ribeira e do Centro de Educación Especial de Amicos. Unha vez completado con éxito o xogo, tivo lugar a lectura do manifesto por parte dos Pekes con TEA do CEEPR de Oleiros.

 

 

O manifesto da infancia

Nel, os cativos e cativas presentáronse ante os asistentes, mostrando que, no esencial, todos e todas compartimos gustos e inquedanzas. Nel tamén se reivindicou a importancia dunha educación máis inclusiva.

Así, púxose o acento na situación dos escolares con autismo, na necesidade de que se realicen os axustes necesarios para que o alumnado conte con apoios especializados e axustados as súas necesidades. Que se traballe a inclusión no seo educativo para poñerlle freo ao acoso escolar, que afecta a un gran número de nenos e nenas con autismo, un colectivos máis vulnerables a converterse en diana.

Trala lectura, realizouse a presentación da exposición, que consiste en tres monolitos con información sobre o autismo. O obxectivo é achegarlle á cidadanía información sobre este trastorno para sensibilizar sobre a situación das persoas con TEA e a necesidade de contar cun entorno accesible. Así, a entidade súmase á campaña #AutismoCercaDeTi, impulsada por Autismo España para sensibilizar e normalizar a realidade de máis de 470.000 persoas en España.

 

 

Visibilizar é normalizar

O evento tamén contou coa asistencia de Esther Vidal, presidenta de Amicos, Digna Iglesias, vicepresidenta da mesma asociación, Pilar Sampedro, coordinadora de centros, e Nuria Fernández, coordinadora do Centro de Educación Especial. Estiveron acompañadas por Cruz Rivadulla, concelleira de Educación, Igualdade e Diversidade de Ribeira.

Con motivo deste día, a concelleira de Educación ribeirense destacou que “días como hoxe son para visibilizar porque se unha cuestión non é visible, non existe. Invítanos á reflexión, aínda que temos que estar todo o ano, é moi importante un día como este para que as persoas que non coñecen o TEA porque non o teñen na súa propia familia, se den conta de que existe e que é moi importante que as familias con persoas con autismo teñen información para saber como afrontarlo”.

Neste senso tamén a presidenta da entidade, Esther Vidal, quixo destacar a importancia de “visibilizar a situación das persoas que están ao noso lado. Esta é unha forma moi bonita de que as persoas que pasen por aquí poidan achegarse ata estos paneis e coñecer un pouco máis do autismo. Derrubar mitos e visibilizar que son moitas as persoas que se encadran dentro do espectro autista é o mellor camiño para acadar unha sociedade na que se nos escoite a todos e todas”.

Digna Iglesias, pola súa banda, puxo o aceno en que “para Amicos é vital contar coa participación dos cativos e cativas neste tipo de accións. O coñecemento, a comprensión e o respecto cara a tódalas persoas converteos en cidadáns sensibilizados coa realidade de todos e todas. A normalización constrúe un futuro accesible”.

 

 

Unha exposición itinerante

A exposición informativa sobre o autismo bota a andar na Rúa de Galicia de Ribeira. Alí estará instalada do 2 ao 7 de abril. Pero percorrerá distintos puntos do Barbanza para achegarse aos veciños e veciñas de todos os puntos da comarca.

Así, a continuación os monolitos poderán visitarse na fachada marítima de Porto do Son entre o 8 e o 10 do mesmo mes. Do 11 ao 14 será a quenda da Pobra do Caramiñal, onde os veciños poderán velos se se achegan aos xardíns municipais da Alameda.

O seguinte punto na viaxe será Boiro, en concreto a rúa peatonal Doutor Santos Mieites, á altura Panadería Susi, onde poderán ser consultador do 15 ao 21 de abril. E a semana seguinte, do 22 ao 28 de abril, será a veciñanza de Rianxo a que poida achegarse ata a Praza de Padrón para coñecer máis a fondo o TEA.

Noia acollerá a exposición do 28 de abril ao 6 de maio nos xardíns municipais do concello e Lousame será a última parada no itinerario, onde os monolitos estarán instalados do 6 ao 12 de maio.

 

 

 

 

NOVAS EN MEDIOS

LA VOZ DE GALICIA

O BARBANZA

CANAL BARBANZA

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org