• Este donativo foi posible grazas á reciclaxe de tapóns e aceite usado depositados pola clientela da compañía nos seus centros galegos durante o 2023
  • As amicas Yasmina, Iria, Sonia e Jose Manuel foron os encargados de recoller o cheque de mans dos representantes da empresa

Un ano máis Vegalsa- Eroski escolleu a Asociación Amicos como beneficiaria da doazón pola valorización de tapóns e aceite usado recollidos nos seus centros. Así, a compañía galega de distribución alimentaria fíxonos entrega este martes, 9 de abril, dun cheque por valor de 6.242 euros. O importe destinarase a varios dos proxectos de carácter medioambiental que a nosa asociación levará a cabo ao longo do ano.

O Eroski Center de Rianxo foi o lugar escollido para o acto de entrega do cheque solidario. Alí déronse cita a presidenta  e a vicepresidenta da nosa entidade, Esther Vidal e Digna Iglesias, así como o coordinador de Alianzas & Empresas, Keltoi Camean. Por parte de Vegalsa-Eroski acudiron a directora de Sustentabilidade e Comunicación Corporativa, Gabriela González.

Ao evento tamén acudiron varias familias beneficiarias da asociación e membros da empresa de distribución alimentaria. Pero os invitados de honra foron Yasmina, Iria, Sonia e Jose Manuel; os amicos encargados de recoller o cheque coa doazón.

 

 

Unha iniciativa ecolóxica

Este donativo procede da valoración realizada por Vegalsa – Eroski trala xestión e a reciclaxe de preto de 47.700 quilos de tapóns de plástico e aceite usado. Dúas materias depositadas polos clientes da compañía nos establecementos da súa rede comercial en Galicia ao longo do 2023.

Esta iniciativa benéfica súmase ao apoio nas múltiples accións que Vegalsa – Eroski ven realizando con Amicos durante os últimos tres anos en materia de coidado do entorno natural e inclusión social. Esta colaboración inclúe desde labores de limpeza integral de praias no marco do programa RE-MAR, ata outras ramas de actuación como o Programa Integrado de Emprego impulsado pola asociación, que permitiu insertar laboralmente a máis de medio cento de persoas.

Unha colaboración cun balance moi positivo

Con respecto a esta última doazón, a presidenta de Amicos, Esther Vidal, afirma que “esta contribución de Vegalsa-Eroski non só representa un acto de solidariedade. Tamén reflicte un compromiso xenuíno coa inclusión e o benestar das persoas con discapacidade. É inspirador ver como empresas como esta recoñecen a importancia da responsabilidade social e ambiental, e como están dispo­­stas a tomar medidas concretas para marcar unha diferenza positiva na nosa sociedade. Sodes un claro exemplo de como a colaboración pode xerar un impacto significativo e transformador”.­­

Pola súa banda, a directora de Sustentabilidade e Comunicación Corporativa da compañía de distribución, Gabriela González, resaltou que “Vegalsa-Eroski encontra en AMICOS ao colaborador perfecto para poder contribuír á realización de proxectos medioambientais que permiten implicar á comunidade local a través da inclusión social. Esta doazón é unha contribución máis que realizamos no marco do noso convenio anual, que constata a estreita relación que temos ambas entidades no marco da nosa política de RSE”.

 

 

 

 

Dende Amicos queremos agradecer a Vegalsa- Eroski a confianza e o apoio, un agradecemento que estendemos a todas as empresas, institucións e persoas que confían na nosa entidade e nos apoian na nosa labor.

 

NOVAS EN MEDIOS

CANAL BARBANZA

O BARBANZA

LA VOZ DE GALICIA

FARO DE VIGO

EL CORREO GALLEGO

QUINCEMIL (EL ESPAÑOL)

DIARIO DE AROUSA

CORRESPONSABLES

 

Para máis información:

981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org