• Os dous amicos encargáronse de mostrar cos seus retratos que cada persoa “brilla con luz propia”, dando lugar ao momento máis divertido do evento
  • O noso photocall inclusivo PA-TA-TA inclúe o servizo de fotografía instantánea, portafotos e un roll-up exclusivo

 

A mañá deste venres, 10 de maio, trasladámonos á Finca de Montesqueiro, en Oleiros, para participar na séptima edición da xornada de Responsabilidade Social Empresarial de Vegalsa- Eroski. Alí, os nosos amicos Adriana Miguens e Miguel Cancelas foron os encargados de retratar o aspecto máis distendido da cerimonia, poñéndose á fronte do photocall inclusivo PA-TA-TA.

 

 

 

 

O evento, que tivo como título Un mar de fueguitos, inspirouse no microrelato El mundo de Eduardo Galeano. Nel, a compañía galega de distribución alimentaria reivindicou un ano máis o traballo realizado polo terceiro sector. E nesta ocasión, Amicos non só acudiu en calidade de invitado, tamén presentou o photocall inclusivo PA-TA-TA.

Miguel e Adriana subiron a un escenario polo que pasaron distintas profesionais de Vegalsa-Eroski e entidades e empresas colaboradoras para explicar o concepto da iniciativa e animar aos convidados a participar.

E así o fixeron a maioría dos asistentes ao evento. Miguel foi o encargado de retratar con varias cámaras instantáneas aos invitados que se animaron a pasar polo noso posto, mentras que Adriana se encargaba de explicar o proceso de creación dos portafotos. Estes son elaborados e decorados polos amicos e amicas do Centro de Día que asisten ao obradoiro de Barro.

 

 

 

 

Así, os e as modelos foron agasallados cun portafotos exclusivo e unha fotografía instantánea, na que se buscaba captar que cada persoa “brilla con luz propia”, como afirma Galeano no seu relato.

Mediante a iniciativa PA-TA-TA, Amicos non só pon en valor a participación das persoas con discapacidade intelectual, trastorno de espectro autista ou dano cerebral en eventos da vida social, empresarial e institucional. Tamén busca favorecer a posta en valor do traballo elaborado polos amicos e amicas con grandes necesidades de apoio do noso obradoiro de Barro.

 

 


 
 

PA-TA-TA, photocall inclusivo de Amicos

O servizo PA-TA-TA botou a andar no 2024 co obxectivo de favorecer a participación e a inclusión das persoas con discapacidade de Amicos en eventos sociais. A través deste tipo de iniciativas buscamos que as mozas e mozos se sintan parte da comunidade á que pertencen, así como contribuír a aumentar a súa autoestima e confianza.

A idea parte dun símil entre a fotografía de revelado instantáneo e un rasgo común nun gran número de persoas con discapacidade: a falta de filtros.

O servizo, que está dispoñible para contratacións, inclúe o servizo de fotografía instantánea, un roll-up exclusivo, fotos e portafotos únicos elaborados polos amicos e amicas.

 

 

 

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org