• Ás representantes políticas no Congreso acompañáronas o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e o concelleiro local de Política Social, Raúl Treus
  • Paula Fernández: “Espero que como deputadas poidamos ser útiles para vós e poidamos recoller ben as vosas demandas”

 

Paula Mª Fernández e María Montserrat García achegáronse a tarde deste martes, 14 de maio, ás instalacións do Centro de Atención Integral de Amicos. A través dun percorrido polo centro, puideron coñecer a fondo o labor e a actividade da nosa entidade. Así, o obxectivo da cita foi coñecer as reivindicacións das persoas con discapacidade e as súas familias en calidade de deputadas nacionais.

Ás representantes políticas no Congreso acompañáronas o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e o concelleirolocal de Política Social, Raúl Treus. No centro recibíronos a vicepresidenta de Amicos, Digna Iglesias, o director xeral da asociación, Xoán España, e os responsable e coordinador da área de Alianzas con Persoas e Empresas, Miguel Beiro e Keltoi Cameán respectivamente.

 

 

 

 

Antes de dar comezo ao percorrido, Romero declarou que “para Boiro é un orgullo ter unha organización como é Amicos. Sei que as compañeiras marcharán con boa impresión polo grande dinamismo que ten esta asociación, penso que xa é unha das mellores organizacións non só a nivel de Galicia senón tamén do Estado. É un claro exemplo de como hai que facer as cousas e como se poden facer ben”.

Pola súa banda, Montserrat García comezou a súa intervención agradecendo a invitación, tralo que declarou que  “aínda que acabamos de chegar, estanos impresionando todo o que nos están contando sobre o traballo que se realiza e todo o se leva a cabo aquí. Penso que son un exemplo de como avanzar para a integración das persoas, para acadar unha igualdade real e efectiva”.

Tras estas palabras, Paula Fernández salientou “como deputada, opino que temos que facer moito territorio, coñecer a pé de rúa o que fai a sociedade para estar máis preparados para darlle solucións. Vir aquí hoxe permítenos coñecer en primeira persoa que é o que fan en Amicos, pero tamén nos permite recoñecer as demandas das persoas con discapacidade para poder axudarlles a resolvelas”.

 

 

 

 

De seguido declarou que “como alcaldesa en Silleda descubrín a Amicos a través dun programa fantástico para a empregabilidade que temos alí. Coñecer aos dous representantes da entidade que visitan o meu concello abriume a mente para dicir ‘teño que ir alí e coñecer todo o que fan”. Tras unha primeira toma de contacto quixo darlle os “parabéns á directiva por ter creado isto, a todas as traballadoras e traballadores e á nosa guía Adriana. Espero que como deputadas poidamos ser útiles para vós e poidamos recoller ben as vosas demandas”.

Pola súa banda, o director xeral de Amicos comezou a súa intervención agradecéndolle aos representantes políticos “que se acheguen á base social a coñecer as necesidades de primeira man, así como o seu compromiso de trasladar as necesidades de cambio e de mellora que hai que facer no servizo de apoio a persoas con discapacidade. Tomar nota da evolución que os novos servizos sociais teñen que ter nos próximos anos”.

 

 

 

 

Asemade, quixo mostrar que para Amicos “ é unha honra a vosa presenza, que vos acheguedes, que escoitedes e, sobre todo, que traballedes na consecución deses cambios. Se todos empurramos, os cambios que son necesarios seguro que se levarán a cabo. Dende a nosa entidade gustaríanos trasladar e reiterar que a evolución ten que seguir, que temos que ir avanzando ata conseguir a plena inclusión da persoas con discapacidade na nosa sociedade”.

Tras esta breve comparecencia, a comitiva puido coñecer as instalacións e as distintas áreas da entidade. O percorrido foi conducida pola amica Adriana Miguens, beneficiaria do Fogar Amicos, que contou co apoio da coordinadora de centros da asociación, Pilar Sampedro, durante a visita.

 

 

 

 

Ao longo da tarde, as invitadas viron en primeira persoa o traballo que se desenvolve no centro día a día, tanto en atención directa como nos departamentos técnicos. Ademais, con motivo da semana das Letras Galegas, os mozos e mozas explicáronlles como funciona o Galeguímetro, un concurso sobre cultura xeral galega.

Tamén coñeceron o Fogar Amicos e a Fábrica Social, así como os proxectos presentes e os plans de futuro da entidade. Asemade, os amicos e amicas non quixeron deixar pasar a ocasión de trasladarlle a Fernández algunhas das súas inquedanzas.

NOVAS EN MEDIOS

O BARBANZA

MLIBR.ES

LA VOZ DE GALICIA

CANAL RÍAS BAIXAS

CANAL BARBANZA

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org