- O evento congregou a máis de 150 persoas, que desfrutaron xuntas dunha comida e moita diversión
- A xornada comezou cunha asemblea para que as familias coñecesen a actividade anual de Amicos e as novidades da entidade no último ano
A asociación Amicos retomou este sábado, 25 de maio, a súa tradicional Convivencia Familiar Amicos tralo paro producido pola Covid. Esta terceira edición reuniu a máis de 150 persoas, entre as que se contaban beneficiarios/as, traballadores/as e familiares. O encontro comezou cunha asemblea no Centro de Atención Integral de Comoxo e finalizou cunha gran comida no restaurante Arume de Boiro.
A xornada comezou no Centro de Atención Integral da entidade boiresa, onde as familias puideron ver as melloras e ampliacións realizadas no complexo nos últimos meses. A continuación, participaron nunha asemblea para coñecer como se desenvolveu o último ano para Amicos e Integrados, esta última a asociación do grupo destinada a fomentar o ocio inclusivo para persoas con discapacidade.
Concluída esta primeira parte, os cento cincuenta asistentes déronse cita no restaurante Arume de Boiro. Alí compartiron unha gran comida amenizada con música, sorteos, distintas actividades para pequenos/as e grandes como obradoiros de maquillaxe e tatuaxes, e moita diversión.
O obxectivo deste encontro familiar é continuar a crear lazos entre tódolos membros que forman parte de Amicos, tanto beneficiarios e beneficiarias como equipo e familias. Mostra disto é o lema que leva acompañando a este evento dende o seu comezo: ‘O noso ás de corazóns’.
A través desta frase faise alusión ao papel clave que desempeñan as familias dos amicos e amicas para a entidade. A través deste tipo de actividades, as familias non só coñecen directamente as actividades e o centro no que os seus familiares pasan parte do seu día, tamén lles poñen cara ás persoas que traballan e apoian aos amicos e amicas.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047