- O obxectivo foi ofrecerlles ás amicas e amicos a información necesaria para tomar as decisións que repercuten na súa vida
- Ao centro acudiron os representantes do Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego e Sumar
Amicos impulsa, dende fai varios anos, un programa de cultura democrática como parte da súa filosofía de que tódalas persoas deben adoptar un papel activo nas decisións que afectan á súa vida. Ao abeiro deste, esta semana varios políticos/as do Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego e Sumar achegáronse ata o Centro de Atención Integral para explicar os seus programas de cara ás eleccións europeas deste domingo, 9 de xuño.
Así, o xoves 6, os primeiros en achegarse ata o noso centro de Boiro foron os representantes do Partido Popular Fernando García, líder do partido en Boiro, e María Macarena Blanco. A última hora da mañá foi a quenda do Bloque Nacionalista Galego, en nome de quen acudiu a Concelleira de Cultura de Ribeira e candidata, Antía Alberte.
Os encargados de pechar estas sesións informativas, xa en horario de tarde, foron os representantes de Sumar, o coordinador do partido na Coruña, Juan Díaz, así como María Nieto, José Luís Piñeiro e Rocío Núñez.
A través desta xornada, os distintos partidos políticos mostraron os puntos máis relevantes dos seus programas, así como a súa visión do que supoñen as eleccións europeas para os cidadáns. Fixeron especial fincapé nas medidas dirixidas a traballar pola inclusión das persoas con discapacidade intelectual.
Esta acción completouse con obradoiros impartidos polo equipo do centro para que os mozos e mozas coñezan en que consisten os comicios europeos e que se decide nas distintas institucións da eurozona. Tamén refrescaron como se desenvolve o proceso de votación para que, os que decidan asistir, se sintan seguros durante o proceso.
Así, dende a entidade deféndese que o dereito a voto debe desenvolverse de forma voluntaria, libre, consciente e autónoma. Para iso, buscouse ofrecerlles ás amicas e amicos a información necesaria para que eles mesmos conten coas ferramentas necesarias para tomar as decisións que repercuten na súa vida.
Para máis información:
981 865 716
658 753 047