- Durante a xornada os técnicos realizaron unha revisión das guías elaboradas no proxecto, así como a posta en práctica das actividades deseñadas no mesmo
- A iniciativa está dirixida por Integrados e conta coa colaboración de Scout Society de Romania e o centro xuvenil Krik de Macedonia do Norte, e está co-financiado pola Comisión Europea a través de Erasmus+
Os membros do proxecto europeo ‘Everyday is a training day’, liderado pola asociación Integrados do noso grupo, celebrou esta semana un encontro transnacional na cidade macedonia de Ohrid.
Durante tres días, os técnicos e técnicas da iniciativa realizaron unha revisión das guías de recursos do programa e participaron en varias probas piloto das actividades deseñadas ao seu abeiro para o fomento da vida saudable a través de actividades inclusivas e accesibles entre a poboación.
Ata o país eslavo viaxaron as nosas compañeiras Sara Albitres, especialista pedagoga do servizo de Pekes, e Victoria Basteiro, técnica especialista en ocio de Integrados. Alí traballaron man a man con membros das distintas entidades socias. O evento celebrouse do martes 11 de xuño ao xoves 13.
O obxectivo deste encontro transnacional foi aplicar e mellorar os coñecementos obtidos durante os últimos meses no marco do mesmo. Este comezou cunha sesión de revisión e proposta de melloras das guías de recursos do proxecto. Materiais pensados como recursos para centros e organizacións xuvenís e clubes deportivos que traballan coa mocidade e con colectivos vulnerables, como persoas con discapacidade.
Os seguintes días dedicáronse a poñer en práctica as actividades ao aire libre recollidas no programa, nas que participaron os mozos e mozas do centro de Krik. Desta maneira, buscouse comprobar a viabilidade dos exercicios recollidos nas Capacity Building Templates do proxecto, no día a día das asociacións.
Estas guías foron elaboradas tras un importante traballo de investigación e deseño por parte dos técnicos do proxecto nos meses anteriores. Unha vez finalizadas, estas serán difundidas tamén a través das redes sociais e entre a cidadanía local.
O primeiro proxecto europeo de Integrados
‘Everyday is a training day’ nace co propósito de crear conciencia sobre a necesidade de que o deporte e os espazos nos que se practica sexan accesibles para todas as persoas, ao tempo que busca promover a actividade física mediante distintos exercicios e prácticas adaptados. Outro dos seus puntos vitais é promover o contacto coa natureza e sensibilizar á comunidade da importancia da práctica deportiva. Tras este primeiro evento piloto, realizaranse nos próximos meses distintos eventos multiplicadores locais, ata que en novembro Boiro acolla un gran evento final.
Esta iniciativa nace ao abeiro do proxecto Erasmus+, da cooperación internacional entre entidades de España, Romanía e Macedonia do Norte. Así, o consorcio está formado pola Asociación Integrados, pertencente á entidade española Amicos, en colaboración con Scout Society de Romanía, centrada no fomento do voluntariado e o desenvolvemento da comunidade local entre a xuventude, e o centro xuvenil Krik con sede en Macedonia do Norte, especializado na realización de formación, reunións e obradoiros. O proxecto conta coa co-financiación da Comisión Europea.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047