- A concelleira de Servizos Municipais de A Pobra realizou unha visita oficial á zona na que se están a desenvolver os traballos de limpeza viaria
- A través desta colaboración, o Concello pobrense aposta pola inserción laboral de persoas con discapacidade intelectual
A concelleira de Servizos Municipais, Persoal, Turismo e Igualdade, Estefanía Ramos, achegouse este xoves, 27 de xuño, á zona de Crocha de Poniente para ver en persoa como se están a desenvolver os traballos de roza e limpeza que está a levar a cabo a Ecobrigada de Amicos. No lugar recibiunos o director xeral de Amicos, Xoán España, e a responsable técnica das Ecobrigadas, Nuria Calo.
Esta visita prodúcese no marco da contratación da Ecobrigada forestal de Amicos por parte do Concello de A Pobra do Caramiñal para a roza e limpeza das marxes da rede viaria municipal. Unha colaboración recorrente nos últimos anos, a través da cal o municipio volve apostar pola inserción laboral de persoas con diversidade funcional.
Así, dende comezos de maio traballan na zona un equipo de cinco persoas, formado por un capataz e catro peóns con discapacidade intelectual, realizando accións de roza e limpeza de camiños e vías municipais. Está previsto que as accións de acondicionamento se estendan ata o mes de agosto.
Con respecto a esta alianza, Xoán España destacou que “a idea é limpar as beirarrúas, pero o sentido principal desta acción é a xeración de cinco postos de traballo para persoas con discapacidade intelectual e en risco de exclusión social, ao tempo que se desenvolve un traballo e un servizo á comunidade”.
Continúou declarando que “dende Amicos queremos agradecerlle ao Concello da Pobra o compromiso e a súa aposta por esta causa, algo que ano tras ano demostra con feitos, contratando ás Ecobrigadas e a Properdis para os traballos de conservación e as labores que nós podemos desenvolver dende a entidade”.
Pola súa banda, a concelleira Estefanía Ramos salientou que “un ano máis, dende o Concello da Pobra decidimos apostar polas Ecobrigadas de Amicos polo bo traballo que fan. Xoán falou da inserción, que é moi importante, e apostamos porque a mellor maneira de apoiar ás persoas con discapacidade é contratándoos e confiándolle un traballo tan importante e tan valorado pola veciñanza”.
Ramos tamén adiantou que “dende a concellería de Servizos Municipais mantemos unha firme aposta nesta lexislatura por manter as vías das estradas municipais libres da masa vexetal. Para iso decidimos reforzar en orzamento a partida, levamos 90.000 euros anuales para estos traballos e ademais contamos con 50.000 euros do remanente de Tesourería que xa foron aprobados en decembro do ano pasado. Tamén queremos seguir contando coas Ecobrigadas nos próximos anos polo seu espléndido traballo”
A responsable das Ecobrigadas destacou que “esta colaboración entre Amicos e o Concello de A Pobra ten unha especial relevancia e valor porque nos permite manter e estabilizar postos de traballo na nosa bisbarra, ocupados por persoas con discapacidade intelectual, un colectivo que se enfronta a grandes dificultades para acceder a un posto de traballo no mercado de emprego ordinario”.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047