• O evento consistiu na entrega de diplomas ao alumnado e a posta en valor das empresas e entidades que colaboran coa inserción laboral de persoas con discapacidade intelectual
  • Keltoi Cameán: “a nosa gratitude co Parque Nacional das Illas Atlánticas por apostar pola creación dun parque natural inclusivo, e a Grupo Puentes permitirnos crear postos de traballo”

 

A cidade de Vigo acolleu este venres, 28 de xuño, o acto de clausura do curso ‘Actividades de orientación e desenvolvemento do medio’, organizado pola Asociación Amicos e FSC Inserta Empleo da Fundación ONCE. No evento realizouse a entrega dos diplomas acreditativos ao alumnado da formación, e agradeceuse o apoio das entidades e empresas que traballan e fan posible a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual.

A formación, que se desenvolveu en Pontevedra cunha duración de cincuenta horas, contou coa participación de dez persoas con discapacidade intelectual. Delas, catro serán insertadas laboralmente a partir de xullo nas Ecobrigadas de Amicos. O seu traballo desenvolverase nas Illas Cíes e Ons, onde realizarán labores de apoio aos guías, accións de sensibilización medioambiental, recollida de residuos e eliminación de especies invasoras no espazo natural.

 

 

 

 

O evento celebrouse na sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, onde se deron cita Miguel Beiro, responsable da área de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos, Beatriz Gallego, directora territorial de Galicia de Inserta Empleo – Fundación ONCE, Juan Camba, coordinador zona sur de Inserta Empleo – Fundación ONCE e José Antonio Fernández, director conservador do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Así como Carmen Conde, responsable de sostenibilidade de Grupo Puentes.

Durante o acto, o director conservador do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas destacou que “hai que recoñecer que a vosa formación é moi boa e completa, e cada día que traballades aprendedes cousas novas. Dende o Parque queremos agradecervos de corazón esta formación”. Durante a súa intervención tamén fixo referencia á próxima publicación de guías e leis en materia de protección medioambiental e inclusión, posto “que todos temos algo que dicir sobre medioambiente, natureza, na sociedade, e todos debemos ser escoitados”.

Dende Amicos, Keltoi Cameán, coordinador da área de Alianzas con Persoas e Empresas, quixo destacar “a nosa gratitude co Parque Nacional das Illas Atlánticas, que un ano máis confía nas nosas Ecobrigadas para levar a cabo os traballos de sensibilización e coidado medioambiental na zona, e por apostar pola creación dun parque natural inclusivo”.

 

 

 

 

Asemade, tamén quixo destacar “a presencia de representantes de Grupo Puentes, empresa que, grazas ao seu apoio anual á nosa entidade, favorece que en Amicos poidamos crear postos de traballo a través dos que ofrecer capacitación e experiencia laboral ás persoas con discapacidade intelectual. Así incrementamos as súas posibilidades de inserción no mercado de emprego ordinario”.

Carmen Conde, responsable de sostenibilidade de Grupo Puentes, pola súa banda fixo referencia a que “este proxecto complementa e potencia o noso programa de responsabilidade social, a través do que estamos moi vinculados coa inclusión das persoas con discapacidade intelectual. Esta acción é importante porque combina o traballo na área social e na mediambiental”.

 

NOVAS EN MEDIOS

O BARBANZA

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org