- Durante a visita, Lara Meneses estivo acompañada pola concelleira de Mocidade e Medio Ambiente de Ribeira, Antía Alberte, así como pola vintena de mozos e mozas participantes
- As actividades, de forte carácter ambiental, están dirixidas a preservar o patrimonio natural e cultural galego, sempre dende unha perspectiva solidaria e inclusiva
O Campamento de Voluntariado Xuvenil con ‘AMICOS’ marca o comezo das actividades de verán na entidade boirense. Este xoves, os mozos e mozas participantes interviron na eliminación de residuos mariños no Parque Nacional de Corrubedo, onde recibiron a visita de Lara del Carmen Meneses, directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Antía Alberte, concelleira de Mocidade e Medio Ambiente do Concello de Ribeira, Xoán España, director xeral de Amicos, e Digna Iglesias, vicepresidenta da entidade.
Durante a mañá, os representantes puideron ver de preto a labor ambiental que están a desenvolver os mozos ao longo do seu paso polo campo de voluntariado. Eles mesmos foron os encargados de explicarlles aos visitantes tódalas actividades que están a levar a cabo no marco da iniciativa, así como as súas vivencias e aprendizaxes durante mesma.
Este campamento, organizado pola asociación Amicos co apoio da Xunta de Galicia, conta coa participación dun total de quince mozos e mozas entre 18 e 30 anos e varios residentes do Fogar Amicos. Durante dúas semanas, os amicos/as conviven con mocidade orixinaria de distintos puntos nacionais e internacionais, en risco de exclusión social, ou con discapacidade intelectual e/ou autismo.
Durante a visita, Lara Meneses destacou que “o Campo de voluntariado de Amicos, incluído na campaña ‘O teu mellor verán’ da Xunta de Galicia, pretende xerar un grupo de traballo diverso no que a mocidade aprenda o valor da diversidade e comparta unha mesma misión, que non é outra que a de conservar o patrimonio natural e cultural galego dende unha perspectiva solidaria e inclusiva”.
A nivel persoal, a directora xeral declarou: “quédome coas palabras dunha das participantes deste campo de voluntariado, que di que o máis bonito de todo isto son os valores que aprenden aquí e que é unha experiencia enriquecedora. Alégranos e esperamos que continúe sendo así durante moitísimo tempo máis”.
Pola súa banda, a concelleira ribeirá agradeceu a visita da directora xeral de Xuventude e “o labor que fai Amicos anualmente con este campamento, a concienciación ambiental como base dos proxectos e actividades que fan. Ese xeito de sensibilizar e de practicar co exemplo, como me dixo antes Xoán, un campamento que involucra aos participantes e fai que eles tomen conciencia e incluso nun futuro sigan desenvolvendo esas actividades medio ambientais”.
En canto ao director xeral de Amicos, Xoán España, destacou “o espírito activista dos mozos e mozas que participan nesta iniciativa. O labor que están a desenvolver os participantes é vital para a protección e a conservación da natureza, e a relación que se constrúe entre eles nun contexto tan lúdico permítelles reforzar valores como o respecto e o coidado ambiental”.
Unha actividade para fomentar a espírito ambiental e inclusivo
A través desta iniciativa búscase fomentar entre os participantes os valores de diversidade, inclusión e compromiso coa comunidade e o patrimonio autóctono. Con este obxectivo, o campamento desenvolvese en zonas de especial interese medioambiental como o Parque Natural de Corrubedo e o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas.
Así, os mozos e mozas aloxanse no camping-praia ‘Ría de Arousa’ da Pobra do Caramiñal, dende onde se desprazan a puntos como Sálvora, Corrubedo ou Carril. Alí realizan distintas actividades de conservación dirixidas a preservar o patrimonio natural e cultural galego, sempre cunha perspectiva solidaria e inclusiva.
Pero as actividades van máis alá da limpeza de praias, a clasificación de residuos a través de xogos, a caracterización de especies que habitan cada zona ou a erradicación de especies exóticas invasoras. Os mozos e mozas tamén participan en distintos obradoiros, na reconstrución de hórreos e en actividades inclusivas para fomentar o espírito de equipo e o carácter inclusivo da iniciativa. Tamén participan en xogos tradicionais, deportes na praia, paseos en kaiak pola Ría de Arousa, visitas culturais a Santiago e aos Castros, sendeirismo cultural e natural polo Camiño de Santiago. E fan parte na celebración de festas locais e tradicionais, cinemas de verán, charlas sobre historias e mitos da cultura galega e obradoiros e xincanas para coñecer mellor a zona.
Activismo mediambiental e social
O Campamento de Voluntariado Xuvenil con ‘AMICOS’ chega esta ano á súa quinta edición. A iniciativa nace cos obxectivos de promover a tolerancia, o respecto e a amizade entre os e as mozas para contribuír á construción de sociedades máis inclusivas, mediante actividades a través das que aumentar o coñecemento sobre a xestión da diversidade social e cultural a través do intercambio de experiencias e vivencias entre mozas.
Asemade, tódalas dinámicas buscan contribuír á conservación do patrimonio natural e cultural galego a través da educación ambiental e o voluntariado. Todo elo a través de accións lúdicas e dinámicas en grupo.
Para máis información:
981 865 716
658 753 047