• O obxectivo do acto foi recoñecer o percorrido das 104 participantes durante a primeira parte do Programa Integrado de Emprego.
  • O evento contou coa presenza da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, a concelleira de Formación e Igualdade de Ribeira, Cruz Rivadulla, a presidenta de Amicos, Esther Vidal, o director xeral da entidade, Xoán España, e o responsable da área de Alianzas con Persoas e Empresas da mesma, Miguel Beiro.
  • Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social: “Esta é a cuarta convocatoria de Amicos, que participa nun programa integrado de emprego e debemos de dicir que é un programa de éxito cun resultado de inserción que supera o compromiso asumido polo programa, e que este ano xa está superado con creces”.

 

O novo Auditorio Municipal de Ribeira acolleu a mañá deste martes, 30 de xullo, o evento ‘Amicos Empodera’. Dirixido a recoñecer o labor do alumnado durante os primeiros meses do Programa Integrado de Emprego de Amicos, o evento contou coa presenza da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, a concelleira de Formación e Igualdade de Ribeira, Cruz Rivadulla, a presidenta de Amicos, Esther Vidal, o director xeral da entidade, Xoán España, e o responsable da área de Alianzas con Persoas e Empresas, Miguel Beiro.

O acto foi conducido por Cristal Lago e Iria Gude, ámbalas dúas participantes do Programa Integrado de Emprego 2023-2024. A encargada de abrir o evento foi a concelleira ribeirense Cruz Rivadulla, que destacou “que para Ribeira é un privilexio contar coa presencia da asociación Amicos, que promove programas como este que ofrecen ás participantes información, orientación e asesoramento na busca de emprego. E fano promovendo a igualdade de oportunidades á hora de acceder ao mercado laboral, abordándoo dende unha perspectiva de xénero”.

Durante o evento, proxectouse un vídeo resumo dos logros alcanzados na primeira parte do programa. Lorena Colmeiro, directora de Recursos Humanos de Tendam Retail, compartiu a positiva experiencia da empresa colaborando coa iniciativa como coordinadora de prácticas. Tamén subliñou a importancia da formación práctica para a inserción laboral efectiva.

 

 


 
 

Experiencias e resultados positivos

Colmeiro destacou tamén que “no noso caso é necesario ter experiencia previa en tenda para traballar con nós, a menos que accedas a través dun programa de prácticas. Así, estas son unha panca fundamental á hora de novas contratacións”.  Neste senso, a representante de Tendam referiuse ao caso dunha das participantes deste programa. “Este tipo de programas son unha ferramenta fundamental que ter en conta á hora de buscar traballo”.

De seguido, Xoán España, director xeral de Amicos, explicou os resultados xerais acadados pola área de Alianzas con Persoas e Empresas, en cuxos programas participan máis de 1200 persoas. En canto ao Programa Integrado de Emprego de Amicos, dirixido a mulleres desempregadas de diferentes concellos do Barbanza, un dato a destacar foi que, das 104 participantes no Programa Integrado de Emprego 2023-2024 de Amicos, 66 persoas xa accederon ao mercado laboral.

O programa dirixiuse a mulleres residentes nos concellos de Ribeira, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Noia, Porto do Son e Lousame. O seu contido dividiuse en catro itinerarios formativos: comercio (315 horas), almacén e industria (290 horas), formación transversal (152 horas) e limpeza (40 horas). Así, nos meses que quedan, o alumnado terá a posibilidade de continuar a súa acción formativa e seguir traballando por incrementar os datos de inserción. Uns datos que dende o acadou a sinatura duns 130 contratos.

Neste senso, o director xeral de Amicos recalcou que “o traballo conxunto do equipo da área de Alianzas, das administracións que confían e colaboran con nós, das empresas e as organizacións que cada vez incrementan máis as oportunidades laborais para as persoas que necesitan máis apoios, e a parte máis fundamental, que sodes as participantes. Mulleres que dedicades un gran esforzo e moitas ganas para romper as barreiras coas que vos atopades, das etiquetas moitas veces erróneas coas que etiquetamos ás persoas”.

 

 


 
 

Compromiso colectivo

Xoán España tamén fixo fincapé en que “os retos de agora son diferentes dos de outras épocas, e a equidade é a clave. As persoas que necesitan máis apoios son ás que temos que destinar máis apoios, non todos necesitamos o mesmo acompañamento. Por iso é un bo momento de recordar que tódalas administracións, empresas e organizacións debemos traballar para converternos nas entidades que o mundo necesita”.

O evento pechouse coa intervención da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Marta Mariño. A representante valorou os resultados dos Programas Integrados de Emprego, subvencionados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia. Así quixo destacar que “esta é a cuarta convocatoria de Amicos, que participa nun programa integrado de emprego e debemos de dicir que é un programa de éxito cun resultado de inserción que supera o compromiso asumido polo programa, e que este ano xa está superado con creces. Esperamos que siga funcionando e que, entre as administracións poidamos coordinarnos e cooperar para que consigamos o obxectivo de inserción e de formación, tan importante en determinados colectivos como son as mulleres e as persoas con discapacidade”

Tras estas palabras, as participantes recibiron os diplomas acreditativos dos cursos realizados durante estes meses da man das técnicas do programa, Andrea Beiro e Cristina Coto.

 

 


 
 

Programa PIONERAS

‘AMICOS EMPODERA’ tamén serviu como telón de fondo para dar a coñecer o Programa PIONERAS, outra das iniciativas impulsadas dende a asociación Amicos. Esta realízase a nivel autonómico, e ten como obxectivo fomentar a igualdade e a inclusión de mulleres con discapacidade que residen no rural, no ámbito da formación e o emprego ambiental e sostible.

Así, durante no evento  presentáronse os resultados acadados na enquisa inicial, a través da que se buscou realizar un primeiro diagnóstico para coñecer as barreiras, necesidades e intereses do público obxectivo ao que se dirixe a iniciativa. Este estudo documental contou coa realización de máis dun cento de enquisas respondida.

A través de PIONERAS brindarase apoio psicosocial a un total de sesenta mulleres, das que se acadará como mínimo o 50% de insercións sociolaborais nos sectores verde e de economía circular.

 

NOVAS EN MEDIOS

EL CORREO GALLEGO

LA VOZ DE GALICIA

O BARBANZA

CANAL RÍAS BAIXAS

CANAL BARBANZA

EL CORREO GALLEGO II

DIARIO DE AROUSA

XUNTA DE GALICIA

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org