- Ao longo dunha semana, os participantes realizaron distintas actividades culturais e ambientais
- obxectivo do programa é que mocidade do Barbanza poida coñecer Europa no marco dunha iniciativa de inclusión social e concienciación ambiental
‘Veciñanza’ é o nome do proxecto DiscoverEU impulsado este verán por Amicos, grazas ao que un total de cinco mozos e mozas e dous acompañantes puideron emprender unha viaxe de interrail para coñecer o sur de Francia.
As e os cinco participantes son mozos duns dezaoito anos, pertencentes todos eles á agrupación xuvenil autoxestionada ‘Turbina’ de Boiro. O grupo saíu de Santiago de Compostela o luns 15 de xullo con destino Madrid, dende onde transbordaron para continuar o percorrido ata Perpiñan.
Así, a estancia estendeuse unha semana, durante a que os participantes na iniciativa puideron visitar distintos puntos da rexión de Occitania como as vilas de Villefranche-de-Conflent, Le Barcarès, Bèziers, Narbonne, Carcassonne, Toulouse e Albi. Visitas todas elas das que os participantes nos fixeron partícipes a través das súas redes sociais, cos hastags #DiscoverEU, #Erasmusplus e #EuropeanYouth.
O obxectivo deste proxecto de mobilidade xuvenil, enmarcado no programa Erasmus+ e co-financiado pola Comisión Europea, é brindarlle a oportunidade de descubrir países europeos á mocidade da comarca de Barbanza con menos oportunidades. A través destas viaxes, os participantes contan coas ferramentas para transmitir os valores de inclusión social e concienciación ambiental, que caracterizan a Amicos, nos lugares de destino.
Neste senso, os mozos e mozas participaron en actividades mediambientais durante a súa estancia. Unha delas consistiu nunha limpeza de residuos mariños na praia de Valras-Plage, realizada en colaboración con Surfrider Foundation Europe e o seu programa de voluntariado ambiental Ocean Initiatives. Asemade, a acción tamén contou co apoio do Concello francés e da organización de Project Rescue Ocean.
Esta experiencia foi organizada e planificada polo grupo participante, sempre co apoio do equipo de Amicos, en especial no referente ao tema loxístico e á organización das actividades realizadas durante a viaxe. Tódalas accións realizadas foron especialmente deseñadas en liña cos obxectivos do proxecto.
Para máis información:
981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org