• Durante o verán realizáronse dous eventos multiplicadores, nos que os mozos e mozas practicaron piragüismo, béisbol de pé e rugby.
  • ‘Everyday is a training day’ é un proxecto Erasmus+ impulsado por Amicos que nace co obxectivo de concienciar sobre a necesidade de que o deporte e os espazos nos que se practica sexan accesibles

 

O equipo de ‘Everyday is a training day’, o primeiro proxecto europeo da asociación Integrados, aproveitou o bo tempo dos meses de verán para realizar na zona de Barbanza-Arousa dous eventos multiplicadores. Unhas xornadas nas que os deportes adaptados ao aire libre foron as actividades protagonistas.

Nestas sesións, nas que participaron mozas e mozos da nosa entidade, puxéronse en práctica as actividades deseñadas ao abeiro deste programa nos últimos meses. Deportes ao aire libre que foron aplicados durante encontro transnacional e evento piloto celebrado en xuño en Macedonia do Norte.

O primeiro destes eventos consistiu nunha sesión de piragüismo adaptado nunha praia de Carril. Alí déronse cita un total de vintedúas persoas: oito con discapacidade, sete normotípicas, tres monitores de ocio e catro monitores especialistas en remo. Todos eles desfrutaron en equipo dunha mañá do máis divertida e refrescante.

Así, a sesión realizouse nunha ruta pensada para persoas con mobilidade reducida, e os/as participantes dividíronse en parellas mixtas, que ocuparon piraguas dobles. Para extremar a seguridade, contouse tamén cunha barca de apoio. A actividade rematou cun baño na praia para relaxarse.

 

 

 

A praia de Cabío, na Pobra, foi o lugar escollido para acoller a segunda destas sesións, que xirou en torno a xogos adaptados de pelota. As mozas e mozos participantes comezaron cunha serie de partidos de béisbol de pé, que se adaptaron co uso dun balón de maior tamaño, máis fácil de agarrar e localizar.

Asemade, as persoas con mobilidade reducida ocuparon postos como o de lanzador e receptor, e os espazos diminuíronse para facelos máis abarcables para o xogo. Tralo béisbol, o seguinte deporte foi o rugby, que se levou a cabo cunha serie de reglas simplificadas e adaptadas.

 

O primeiro proxecto europeo de Integrados

‘Everyday is a training day’ nace co propósito de crear conciencia sobre a necesidade de que o deporte e os espazos nos que se practica sexan accesibles para todas as persoas, ao tempo que busca promover a actividade física mediante distintos exercicios e prácticas adaptados. Outro dos seus puntos vitais é promover o contacto coa natureza e sensibilizar á comunidade da importancia da práctica deportiva.

Esta iniciativa nace ao abeiro do proxecto Erasmus+, da cooperación internacional entre entidades de España, Romanía e Macedonia do Norte. Así, o consorcio está formado pola Asociación Integrados, pertencente á entidade española Amicos, en colaboración con Scout Society de Romanía, centrada no fomento do voluntariado e o desenvolvemento da comunidade local entre a xuventude, e o centro xuvenil Krik con sede en Macedonia do Norte, especializado na realización de formación, reunións e obradoiros. O proxecto, que conta coa co-financiación da Comisión Europea, chegará ao seu fin coa celebración dun gran evento final en Boiro, que terá lugar durante o último trimestre deste 2024.

 

Para máis información:

981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org