- O obxectivo desta ferramenta é a creación de grupos mixtos de rapazada, neurotípica e con diversidade funcional, co obxectivo de promover entre eles a cidadanía activa
- ‘A iniciativa, na que participa a nosa entidade, está coordinada pola cooperativa Lunetica (Bra) ao abeiro do programa Erasmus+, no marco dos consorcios a pequena escala (KA210).
O proxecto ‘Imagine! Reforzando a cidadanía activa e as competencias cívicas entre a xuventude e as persoas mozas con discapacidade’ dá un novo paso coa publicación dunha guía para a formación de grupos mixtos de rapazada, neurotípica e con diversidade funcional, co obxectivo de promover a cidadanía activa e inclusiva.
A iniciativa, da que Amicos forma parte, está coordinada pola cooperativa italiana Lunetica (Bra, Italia) ao abeiro do programa Erasmus+ no marco dos consorcios a pequena escala (KA210). Esta xorde coa finalidade de fomentar a inclusión e a integración social en mozos e mozas con discapacidade a través da formación de grupos mixtos de dinamización xuvenil. Durante os últimos meses, o persoal especialista de atención directa de Lunetica e de Amicos estiveron intercambiando formacións sobre as respectivas áreas de especialización das dúas entidades, e sobre as metodoloxías que utilizamos unha e outra. Do aprendido, e do compartido, elaboramos a guía que vos presentamos agora.
Así, esta guía (que podes descargar máis abaixo na súa versión en inglés) trata de servir como referencia para calquera entidade que queira promover a inclusión social en entornos xuvenís, a través de grupos participativos e dinamizados. O documento inclúe a contextualización normativa, legal e estratéxica, así como as bases metodolóxicas que se aplican, e unhas actividades paso a paso para poder poñer en práctica.
O documento tamén contén unha sección coas cuestións clave identificadas para crear estes grupos mixtos, dinamizalos, e guialos, de cara á realización de actividades participativas, co-deseñadas pola propia rapazada.
Pensadoiros para o fomento da participación xuvenil
No marco deste proxecto, ao longo do curso 2024/25 realizaranse distintos Pensadoiros en centros educativos da contorna do Barbanza. Todos eles deseñados para promover o apoderamento da xente nova e a participación social a través da aprendizaxe entre iguais en grupos inclusivos
Asemade, o coñecemento recollido nesta guía será o que se aplique nesta serie de accións, que poñen en práctica todo o traballo realizado polo equipo do proxecto dende o pasado mes de outubro.
Para máis información:
981 865 716 – M. 658 753 047
hola@amicos.org