- A Illa de Ons é a paraxe escollida para esta xornada de xogos sensibilizadores, unha limpeza de residuos mariños na praia Area de Cans e a actuación do grupo Mediarea
- A acción encádrase no programa RE-MAR con Son&Sal, organizado por Amicos e Paco & Lola, e marcado pola conciencia social, ambiental e cultural
A Asociación Amicos e as bodegas Paco & Lola colaboramos un ano máis na posta en marcha dunha nova xornada de RE-MAR con Son&Sal. Nesta segunda edición, o lugar escollido para levar a cabo unha xeira de xogos sensibilizadores e unha limpeza de residuos mariños foi a Illa de Ons. Nas súas praias, os nosos axentes medioambientais da entidade boirense foron os encargados de conducir as actividades, que se realizaron este xoves, 29 de agosto.
Na dinámica participaron arredor dunhas sesenta persoas, entre voluntarios e voluntarias de Amicos, da adega Paco & Lola e da residencia DomusVi Ribadumia. Esta acción encádrase dentro do noso proxecto Re-Mar, e está incluído no ciclo estival Son&Sal, impulsado un ano máis pola adega pontevedresa.
O obxectivo do mesmo é poñer o foco na integración social mediante a recollida de residuos e microplásticos en diferentes praias das Rías Baixas, ao tempo que se xeran novas oportunidades de emprego verde e adaptado. Todo coa finalidade de que as persoas con discapacidade intelectual formen parte activa da sociedade, adoptando un rol condutor en accións de inclusión e protección do medio ambiente.
Celebración da integración social e a sensibilización medioambiental
Así, a xornada comezou cos xogos sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Acto seguido realizouse a limpeza de refugallos na praia Area dos Cans, onde os voluntarios traballaron man a man. A acción estivo guiada polos amicos e amicas, que foron os encargados de explicar o método de separación do lixo, así como de responder a tódalas dúbidas que foron xurdindo durante o día.
A nota musical correu a cargo do grupo de música folk tradicional Mediarea. O concerto, totalmente gratuíto para os asistentes, foi a mostra do amor pola música patrimonial galega e o esforzo por preservar este ben cultural.
Con respecto a esta acción, o coordinador da área de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos, Keltoi Cameán, destacou que “por segundo ano celebramos con Paco & Lola unha festa na que a integración social e a sensibilización medioambiental son as grandes protagonistas. E facémolo nunha paraxe de gran riqueza natural, un patrimonio que como sociedade debemos preservar baixo os valores de inclusión e conciencia ecolóxica. Esperamos que esta cita se converta nunha tradición, dende logo para Amicos resulta unha das datas máis especiais do verán”.
A xornada estivo cuberta por Onda Cero en directo, coa emisión dun programa especial de Más de Uno Vigo dende a illa. Nel participaron o noso compañeiro Keltoi Cameán e Ana Padín, membro do equipo directivo de Paco & Lola. Durante o directo, Padín indicou que “na cooperativa de Paco & Lola temos varios obxectivos, entre os que destacan a integración social e a sensibilización medioambiental. Estamos moi agradecidos a Amicos por participar neste tipo de accións, que ao final teñen como finalidade a inclusión social e xerar novos empregos e novas oportunidades para a xente con discapacidade intelectual e, ao mesmo tempo, contribuir a que as praias da nosa contorna permanezan limpas”.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047