• O proxecto ‘LAB-MAR: Laboratorio participativo para la prevención y valorización de basuras marinas’ busca protexer e conservar os ecosistemas mariños de Galicia e Andalucía, en especial espazos naturais e protexidos
  • Este xoves, 19 de setembro, o Centro de Atención Integral de Amicos acolleu unha na que os tres socios coordinamos as accións de eliminación de residuos, investigación e sensibilización

 

Este xoves, 19 de setembro, tivo lugar a primeira reunión de coordinación do proxecto LAB-MAR: Laboratorio participativo para la prevención y valorización de basuras marinas. A xuntanza celebrouse no Centro de Atención Integral de Amicos e contou coa presenza de Xoán España, director xeral de Amicos; María Caldeiro, xerente de Fundamar; e Fabián Ben Conde, director de Proxectos e Innovación da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores (FNCP).

O proxecto LAB-MAR, organizado por Amicos, Fundamar e a Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, busca protexer os ecosistemas mariños de Galicia e Andalucía mediante accións concretas que reduzan a contaminación mariña e impulsen a economía azul. O obxectivo final é garantir a provisión dos servizos ecosistémicos, asegurar a sustentabilidade do medio mariño e sensibilizar á sociedade sobre a importancia da súa conservación.

Neste senso, a reunión de coordinación deste xoves estivo centrada en presentar os obxectivos do proxecto a través da concreción de accións de recollida, clasificación e reciclaxe de residuos mariños, a constitución dun Comité Técnico para a realización dun estudo e estratexia para a creación de produtos con filamentos reciclados, ou a posta en marcha dunha escola inclusiva de formación, innovación e emprego. Tamén se levarán a cabo actividades de sensibilización  e concienciación dirixidas á poboación xeral.

 

 

A visión dos socios

O director xeral de Amicos, Xoán España, destacou a importancia de LAB-MAR, subliñando que “este proxecto está moi relacionado co labor das tres entidades socias, por parte da nosa asociación coa protección do medio ambiente e o espírito das persoas con discapacidade intelectual como motor do cambio. A iniciativa busca coidar ao tempo que sensibilizamos, perseguindo sempre a integración, a formación e a apertura de oportunidades para as persoas con discapacidade e actuando de nexo coa poboación que vive tanto arredor como do mar de forma inclusiva e integradora”

Pola súa parte, María Caldeiro de Fundamar, resaltou que “para nós é un pracer compartir cada un dos proxectos que realizamos con Amicos porque nos aproximamos ó gran labor que levades a cabo e todo o traballo que facedes no mar. Neste proxecto, “o papel de Fundamar centrarase na detección de posibilidades de darlle unha segunda vida a todo o que ten que ver cos residuos, como no explicará Adriana. Dende Fundamar queremos darvos ás grazas e esperamos participar en moitos máis proxectos xuntos”.

Fabián Ben Conde, de FNCP, describiu o proxecto como “apaixonante” e destacou que “este tipo de proxectos permítennos sumar esforzos para o coidado do noso medio, desenvolver iniciativas que teñen transcendencia e construír esa economía social e do mar, algo que para nós é un autentico luxo e permítenos desenvolver as novas necesidades do sector pesqueiro”.

 

Unha iniciativa inclusiva e integradora

Durante a xuntanza, Adriana Miguéns, axente medioambiental e usuaria de Amicos, contou co apoio de Pilar Sampedro, coordinadora de centros da entidade, para presentar os obxectivos do proxecto. Nela destacou a importancia de involucrar a persoas con discapacidade nas accións de conservación mariña.

A reunión rematou cun percorrido polas instalacións de Amicos en Boiro, onde os participantes puideron coñecer de primeira man o traballo da entidade a favor das persoas con discapacidade intelectual e como apoian o seu desenvolvemento en todas as etapas da vida.

 

 

Un proxecto multidisciplinar

O proxecto LAB-MAR aposta por un enfoque multidisciplinar co obxectivo de reducir os residuos mariños e fomentar a colaboración entre o sector pesqueiro, marisqueiro e outros sectores empresariais e sociais. Ademais, promove a innovación, a creación de emprego inclusivo e contribúe ao desenvolvemento dunha economía circular e azul.

Un dos piares fundamentais de LAB-MAR é o seu compromiso coa integración social. Neste sentido, as persoas con discapacidade intelectual serán protagonistas clave de moitas das actividades organizadas no marco deste proxecto. A súa participación reforza o enfoque inclusivo e integrador, demostrando que o coidado do medio ambiente pode ir da man da inclusión social.

 

 

Accións no medio mariño: Parques Naturais e Zonas Protexidas

As accións de LAB-MAR terán lugar en espazos mariños protexidos e de gran valor ecolóxico como:

  • Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia
  • Parque Natural de Corrubedo
  • Complexo Intermareal de O Grove
  • Parque Nacional de Doñana
  • As Marismas de Odiel
  • As Lagunas de Palos e as Madres
  • As Marismas do Río Piedras e o Rompido
  • Os Enebrales de Punta Umbría
  • As Marismas de Isla Cristina

Estas zonas forman parte dos ecosistemas máis importantes de Galicia e Andalucía, sendo fundamentais para o equilibrio ambiental e a biodiversidade.

O proxecto LAB-MAR conta co apoio da Fundación Biodiversidad e do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do programa Pleamar, que está cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMPA). Grazas a estas colaboracións, LAB-MAR poderá levar a cabo accións que non só contribúen á protección do medio mariño, senón que tamén impulsan o desenvolvemento dunha economía máis sostible e respectuosa co medio ambiente.

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org