• O obxectivo é investigar medidas dirixidas á mitigación e adaptación ao cambio climático en Galicia, aplicar solucións e sensibilizar á poboación sobre esta problemática
  • Esta semana realizaranse varias formacións dirixidas aos axentes de adaptación ao Cambio Climático, persoas con discapacidade intelectual

 

A Asociación Amicos impulsa un novo proxecto baixo o nome de ‘Climability: Solucións inclusivas e sostibles para a adaptación do cambio climático’, co obxectivo de investigar medidas e casos de éxito para frear o cambio climático en Galicia, aplicar solucións e sensibilizar á poboación sobre esta problemática.

No marco desta iniciativa, esta semana comezan varias formacións dirixidas aos axentes de adaptación ao Cambio Climático, persoas con discapacidade intelectual que serán as encargadas de transmitir estes novos coñecementos nas actividades de sensibilización e dinamización nas que participen.

Así, esta semana un grupo de amicos e amicas participarán nunha serie de sesións didácticas impartidas por Arenaria. Nelas afondarán no coñecemento das causas e efectos do cambio climático en Galicia, en que consiste o efecto invernadoiro, que son as solucións baseadas na natureza e cómo estas contribúen a mitigar o cambio climático. Unha serie de leccións teórico- prácticas que os mozos e mozas completarán con visitas guiadas a áreas naturais.

 

 

 

 

O cambio climático dende distintos eidos

Ao abeiro de Climability tamén se realizará un estudo sobre como incide o cambio climático na comarca do Barbanza e na comarca de Verín, así como as principais problemáticas ambientais e climáticas netas zonas. A través desta análise, búscase achegar as posibles Solucións Baseadas na Natureza (SBN) que poderían ser postas en práctica para contribuír a minimizar os impactos do cambio climático.

Unha vez establecido o marco teórico, a finalidade é establecer distintas redes comarcais de traballo e apoio de iniciativas relacionadas coas solucións baseadas na natureza que permitan unha mellor adpatacion o cambio climático. Neste senso, tamén se realizarán ao longo do ano distintos workshops participativos dirixidos á poboación local, entidades públicas e axentes sociais e económicos conducidos por persoas con discapacidade intelectual.

Climability conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través da Convocatoria de subvencións para a realización de proxectos que contribúan a implementar o Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático (2021 – 2030).

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org