- María Quintiana: “Seguro que esta visita me vai servir para que todas esas liñas de colaboración que levamos mantendo con Amicos dende fai tantos anos se vaian reforzando porque me parece que fan un traballo fundamental”
- Os obxectivos da visita foron coñecer en persoa o labor da entidade, así como o programa de Intermediación laboral para mulleres en situación de violencia de xénero, que financia a Consellería de Política Social e Igualdade
Este mércores, 25 de setembro, recibimos a visita de María Quintiana Pérez, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia. Se ben a visita estivo centrada no traballo que a área de Emprego da entidade realiza para a orientación e inserción de mulleres con discapacidade ou en risco de exclusión social, Quintiana tamén puido coñecer as instalacións e o día a día dos amicos e amicas do Centro de Día e do Fogar Amicos.
Á súa chegada recibírona a vicepresidenta da entidade, Digna Iglesias, o responsable da área de Alianzas con Persoas e Empresas, Miguel Beiro, e a coordinadora de centros, Pilar Sampedro.
Durante unha breve comparecencia ante os medios, que iniciou a amica Adriana Miguéns, para agradecer a visita de da directora xeral; Iglesias reiterou o agradecemento, así como a contribución da súa área ao apoiar “o noso programa dirixido a mulleres en situación de violencia de xénero, a través do que Amicos traballa para a inserción laboral destas usuarias, en especial no tecido empresarial e social da comarca. Esperamos que esta sexa a primeira de moitas visitas”.
Unhas palabras que reafirmou Miguel, que dixo que “para nós é un pracer recibir a María en Amicos, onde teremos a oportunidade de mostrarlle unha parte do traballo que facemos, a que se realiza neste centro. Queremos agradecerlle a súa presencia e aproveitamos para agradecer tamén á Consellería o apoio que nos brinda en tódalas actividades que levamos a cabo, en concreto as accións relacionadas coa inserción de mulleres que están en risco de exclusión social, neste caso vítimas de violencia de xénero, e tamén proxectos internos para fomento de bos hábitos e condutas saudables para as persoas con discapacidade na nosa residencia”.
Quintiana, pola súa banda, salientou que “dende a Consellería de Política Social e Igualdade levamos moitísimos anos traballando coa Asociación Amicos, e non pode ser doutro xeito porque o labor que fan para tódalas persoas con discapacidade é fundamental para Galicia, e máis en concreto para a zona do Barbanza. Dende Igualdade da Xunta levamos moito tempo colaborando con elas, e así é como ten que ser, seguir chegando coa igualdade tamén ao ámbito da discapacidade”.
Asemade, destacou que “para min é un pracer estar hoxe e coñecer de primeira man todo o traballo que se fai dende aquí. Seguro que isto me vai servir para que todas esas liñas de colaboración que levamos mantendo dende tantos anos se vaian reforzando porque me parece que fan un traballo fundamental. Son referentes en Galicia e no Barbanza, e a nivel educativo e a nivel emprego facedes un labor que, sen vós, non sería igual ”.
Trala intervención, a directora xeral de Promoción da Igualdade participou nun percorrido polo Centro de Atención Integral da asociación boirense. Durante a visita, coñeceu da man de Adriana os distintos servizos que ofrece a asociación así como o labor que se realiza dende as distintas áreas da entidade, que suma máis de 150 traballadores e un milleiro de persoas atendidas diariamente.
Pero o punto forte da visita foi achegarse ao labor desenvolvido dende a área de Emprego de Amicos. Alí, parte do equipo expuxo ante a directora xeral as distintas iniciativas postas en marcha en materia de formación e orientación laboral, en especial aquelas dirixidas a mulleres con discapacidade intelectual ou en risco de exclusión social.
Asemade, Quintiana coñeceu tamén da man de distintas usuarias a súa experiencia como participantes en programas coma o de intermediación laboral para mulleres en situación de violencia de xénero da entidade, que apoia o seu departamento, ou o proxecto ‘Pioneras’, dirixido a mulleres con discapacidade que residen no rural.
Intermediación laboral para mulleres en situación de violencia de xénero
O ano 2024 é o terceiro no que Amicos organiza o programa destinado a deseñar e implementar itinerarios persoalizados que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero. O principal obxectivo deste programa é acadar a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral das participantes, combinada coa concienciación e mediación co tecido industrial da comarca.
Neste senso, Amicos acadou que máis dunha trintena de mulleres en situación de violencia de xénero atoparan emprego nas dúas primeiras edicións.
O programa inclúe formación especializada para o emprego, que combina con cursos de alta demanda como o de “Manipulador de alimentos”. A iniciativa conta coa financiación da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e o Ministerio de Igualdade do Goberno de España.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047