• Nadège Lharaig e Maria Cipriani, da área de Proxectos de Alliance for Gender Equality in Europe, acudiron este xoves á sede da Fundación Amicos para coñecer o programa Pioneras, que financia o seu fondo 
  • Nadège Lharaig sobre Pioneras: “Tamén é moi importante o traballo coas empresas, romper con estereotipos sobre as mulleres con discapacidade. A sociedade ten que traballar para incluír a esas mulleres”

 

Dúas representantes do fondo Alliance for Gender Equality in Europe, agrupación centrada no avance da igualdade de xénero e os dereitos das mulleres en Europa, viaxaron ata Ribeira para coñecer en persoa a Fundación Amicos. Con este obxectivo, Nadège Lharaig e Maria Cipriani, da área de Proxectos da agrupación, acudiron este xoves, 26 de setembro, ao noso CEEPR.

Na sede da Fundación reuníronse co noso director xeral da entidade, Xoán España, co responsable da área de Alianzas con Persoas e Empresas, Miguel Beiro, e con parte do equipo desta área, especializada en Formación e Emprego.

A primeira parte da visita consistiu nun percorrido polo centro, conducido por Nuria González, coordinadora de Centros na área de Pekes. Este centrouse en mostrarlles o traballo diario da entidade a través das instalacións e o equipo especializado que está a disposición dos cativos e cativas do centro. As visitantes tamén coñeceron algúns dos proxectos que a entidade leva a cabo en materia de inclusión.

 

 

 

 

Sen embargo, o gran obxectivo da visita foi coñecer como se está a desenvolver o proxecto Pioneras, unha iniciativa autonómica centrada no fomento da igualdade e a inclusión de mulleres con discapacidade no rural a través de formación e emprego en economía verde. Así, durante o encontro, Lharaig e Cirpriani coñeceron a algunhas das participantes no programa, que se atopan cursando unha formación sobre internet, redes sociais e web.

Tras o percorrido e unha reunión de traballo, as representantes de Alliance destacaron que “dende o fondo apoiamos a organizacións por toda Europa que axudan ás mulleres máis vulnerables, e hoxe estamos na Fundación Amicos polo seu proxecto Pioneras e estamos moi orgullosas porque é o único proxecto que apoiamos que traballa con mulleres con discapacidade e o proxecto está sendo moi importante e moi exitoso”.

Tamén salientaron que, dende o programa “ademais do traballo coas participantes, tamén é moi importante o traballo coas empresas, romper con estereotipos sobre as mulleres con discapacidade. Non só é que as mulleres con discapacidade se adapten á sociedade, tamén a sociedade ten que traballar para incluír a esas mulleres”.

Unha das participantes, Pilar Quintela, destacou que dende Pioneras “fante sentir moi ben, danche seguridade e garantías de que che va a ir ben, así como formación en distintas áreas. Ter un apoio emocional tamén é moi importante, a parte da formación e a orientación, estar motivada psicoloxicamente e tee un respaldo como o que estamos tendo”.

 

 

 

 

Pola súa banda, Xoán España quixo destacar que “para Amicos é un gran honor que unha alianza de fundacións europeas de igualdade de xénero nos elixira para desarrollar aquí un programa específico para mulleres con discapacidade. Gracias a Alliance for Gender Equality in Europe por confiar nunha fundación pequena que aposta por un ámbito tan sensible como son as mulleres con discapacidade”.

España destacou que Pioneras “evoluciona moi ben. Polo de agora participaron máis de cincuenta mulleres con discapacidade, das cales máis de trinta xa contan cun emprego. Estamos moi orgullosos, e cremos que este é un deses proxectos que transforman vidas, e sobre todo vidas de persoas que polo xeral se atopan con menos oportunidades”.

 

Pioneras

O proxecto Pioneras é unha iniciativa posta en marcha pola Fundación Amicos co apoio do Fondo de Oportunidades Económicas de Alliance for Gender Equality in Europe. Ao seu abeiro, un total de sesenta mulleres recibirán apoio psicosocial e de capacitación adaptado e individualizado antes de finais de 2025.

Unha das claves desta iniciativa é crear unha rede de apoio liderada por mulleres con discapacidade, que lles permita xerar un espazo de autoaxuda, e acceder facilmente a información do seu interese.

Nos últimos meses xa se realizaron tres accións formativas a máis de vinte cinco mulleres, así como sesións de orientación, e un diagnóstico preliminar para coñecer mellor a situación das mulleres con discapacidade no rural. Polo de agora, xa se conseguiu que máis dunha vintena de participantes acadaran un traballo, das cales case o 29% son empregos verdes.

Por diante quedan diversas actividades, entre as que destacan sesións de networking nas que participarán máis dun cento de mulleres e distintas empresas da zona.

Tamén se traballará con máis dunha vintena de empresas locais para que os negocios melloren as súas prácticas en materia de contratación inclusiva e igualdade. Neste senso, tamén impulsaremos o selo ‘Empresa pola igualdade e inclusión’, pensado para sensibilizar e apoiar os empregadores. Traballo co que se busca acadar máis dun 50% de insercións sociolaborais entre as participantes nos sectores verde e de economía circular.

 

 

 

 

Alliance for Gender Equality in Europe

Este fondo, con sede en Bruselas, é unha organización internacional comprometida coa promoción da igualdade de xénero en tódolos ámbitos da sociedade. A través de iniciativas educativas, campañas de sensibilización e programas de apoderamento, esta entidade traballa para eliminar as barreiras que impiden a plena participación e desenvolvemento das mulleres e persoas de xénero diverso.

A súa misión é crear un mundo máis xusto e equitativo, onde tódalas persoas, con independencia do seu xénero, teñan as mesmas oportunidades e dereitos. A través da colaboración con entidades gobernamentais, organizacións non gubernamentais e o sector privado, Alliance Gender Equality impulsa políticas e prácticas que favorecen a igualdade e o respecto pola diversidade de xénero.

 

NOVAS EN MEDIOS

O BARBANZA

CANAL BARBANZA

DIARIO DE AROUSA

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org