- AMIRÍOS, posto en marcha por Amicos e financiado por Augas de Galicia, busca concienciar á sociedade da necesidade de protexer e conservar os ecosistemas fluviais a través da labor informativa dos axentes ambientais de Amicos.
- A concelleira de Medio Ambiente e Mar de Boiro, Olga González: “No Concello de Boiro estamos sempre abertos a propostas tan interesantes como esta, na que as persoas con diversidade funcional son as encargadas de visibilizar a biodiversidade dos nosos ríos”.
- A concelleira de Medio Rural e Servizos Municipais de Ribeira, Tania Redondo: “Parabéns a Amicos por unha iniciativa que o que fai é canalizar formación que desemboque na propia sensibilización e concienciación nos sistemas hídricos, promovendo a participación activana conservación de ríos”
O paseo da praia de Barraña de Boiro acolle desde a mañá deste xoves, 10 de outubro, a exposición informativa do proxecto AMIRÍOS. Os viandantes que paseen pola zona poderán desfrutar da mostra ata o domingo 13, na que poderán descubrir cuestións como en que consiste a iniciativa, a biodiversidade que habita nos ríos galegos, ou as ameazas ás que se enfronta este tipo de ben natural.
Durante a mañá realizouse un acto de presentación, no que participaron a concelleira de Medio Ambiente e Mar de Boiro, Olga González, a concelleira de Medio Rural e Servizos Municipais de Ribeira, Tania Redondo, a vicepresidenta de Amicos, Digna Iglesias, e o membro da xunta directiva da entidade Arturo Romarís.
A continuación, por mor da chuvia a celebración trasladouse ao pavillón do CEIP Santa Baia. Alí, escolares do centro participaron en distintas actividades de sensibilización deseñadas ao abeiro do programa. Tanto o alumnado como as representantes institucionais achegáronse de forma lúdica á situación dos ríos e lagoas da zona, así como á biodiversidade e ao estado das súas augas, sempre da man dos axentes medioambientais de Amicos.
Os mozos e mozas da entidade, especializados na sensibilización ambiental e social, foron os encargados de conducir os xogos ao tempo que fixeron partícipes aos cativ@s da importancia de preservar os ecosistemas fluviais e achegalos á súa importancia. Todo iso a través do coñecemento de flora e fauna autóctona dos ríos desta zona, o ciclo da auga ou en que consisten as cadeas tróficas da zona.
Así, pasamos unha mañá do máis animada e enriquecedora.

O apoio das institucións aos proxectos de coidado medioambiental
Durante o acto, a vicepresidenta de Amicos, Digna Iglesias, quixo agradecer a presenza de tódolos asistentes ao acto, tralo que destacou o carácter informativo “destes tótems que viaxarán por varios concellos da comarca do Barbanza para concienciar sobre a importancia de manter coidados os ríos. Se ben concentran moita información, os encargados da tarefa máis importante son os mozos e mozas de Amicos, os axentes mediambientais. Persoas con discapacidade intelectual impulsoras do proxecto e os encargados de sensibilizar á sociedade, tanto adultos como escolares”.
Acto seguido, a presentación do proxecto recaeu en Adriana Miguéns, Alfonso Pérez e Héctor Ceguirre, tres dos axentes medioambientais de Amicos que forman parte do equipo de Amiríos. Nesta iniciativa, como en tódalas accións de Amicos, as persoas con discapacidade intelectual son as encargadas de conducir as accións de sensibilización, adoptando sempre un rol activo no activismo medioambiental e a cidadanía compartida.
Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente e Mar boirense tamén quixo “agradecer á asociación Amicos por facernos partícipes dun proxecto como Amiríos. No Concello de Boiro estamos sempre abertos a propostas tan interesantes como esta, na que as persoas con diversidade funcional son as encargadas de visibilizar a biodiversidade que temos nos nosos ríos e trasladarnos da necesidade de ser máis respectuosos co medioambiente”.
Tralo que a concelleira de Medio Rural e Servizos Municipais de Ribeira recalcou que “desde o Concello de Ribeira e a Concellaría de Medio Ambiente apoiamos este proxecto AMIRIOS, que busca protexer e restaurar ríos e fomentar actitudes sostibles na sociedade, enfocándose en apoderar aos participantes sobre o valor dos recursos hídricos”.
“Finalmente dar os parabéns a Amicos por unha iniciativa que o que fai é canalizar formación que desemboque na propia sensibilización e concienciación nos sistemas hídricos, promovendo a participación activa, especialmente dos mozos, na conservación de ríos incluíndo sempre a persoas con discapacidade. O seu obxectivo é valorar os ecosistemas acuáticos e a súa recuperación, vinculando a saúde ambiental coa calidade de vida”.

Unha exposición móbil para chegar a toda a poboación
‘AMIRÍOS’ é un proxecto promovido pola Asociación Amicos e financiado por Augas de Galicia, entidade adscrita á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia.
A iniciativa nace para promover a participación activa de toda a sociedade na conservación e mellora dos ríos, partindo da situación das fontes fluviais da zona hidrográfica Galicia Costa.
Neste senso, entre as distintas accións levadas a cabo ao abeiro do proxecto está a instalación de distintos puntos de información en forma de mostra itinerante en espazos públicos da zona hidrográfica Galicia Costa.
Ao longo do mes de outubro, a mostra informativa estará exposta na senda da Praia de Barraña de Boiro, no paseo marítimo de Porto do Son a partir do luns 14, na Praza do Concello de Noia dende o venres 18, na praza de Padrón de Rianxo a partir do martes 22, e na Avenida do Malecón de Ribeira dende o luns 28.
Sensibilizar con accións lúdicas e xornadas de voluntariado
As accións apóianse na educación e o voluntariado ambiental, a participación cidadá e a inclusión. Todas elas conducidas por persoas con discapacidade intelectual que contan con formación e experiencia como axentes medioambientais.
Ao abeiro deste proxecto estanse a realizar xornadas de sensibilización en campamentos e colexios, nas que ata o de agora xa participaron máis de 350 rapaces e rapazas.
Asemade, realizaranse distintas xornadas de voluntariado nos ríos Soñora, Artes, Brea, Ulla e Sar, así como en Corrubedo. Os e as voluntarias participarán de forma directa na conservación e rehabilitación ambiental destes mediante a restauración de vexetación autóctona e a erradicación de especies invasoras, nunhas accións conducidas polas Ecobrigadas.

NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047

