- Ambas entidades renovan unha alianza que conta con máis dunha década de actividade
- Ao acto acudiron a directora de Relacións Institucionais de Jealsa, Margarita Hermo, e o director xeral Amicos, Xoán España
O noso Centro de Atención Integral de Amicos, sede da entidade, acolleu a mañá deste mércores, 16 de outubro, a renovación do convenio de colaboración entre a asociación Amicos e a conserveira boirense Jealsa. Coa sinatura deste acordo amplíase un ano máis o compromiso entre ambas entidades, que xa cumpre máis dunha década, co obxectivo de facilitar a integración das persoas con discapacidade na sociedade, tanto a nivel vital como laboral.
No acto estiveron presentes a directora de Relacións Institucionais de Jealsa, Margarita Hermo, e o director xeral de Amicos, Xoán España, que fixeron un balance moi positivo destes máis de dez anos de traballo en equipo.
Con esta colaboración, ambas organizacións traballan de forma conxunta para favorecer a formación prelaboral de persoas con discapacidade intelectual, así como incrementar as oportunidades e apoios dirixidos a persoas con grandes discapacidades, tanto a través da Fábrica Social de Amicos como dos seus talleres prelaborais.
Outro dos piares fundamentais deste convenio xira en torno á infancia, coa posta en marcha de proxectos de integración escolar de nenos con discapacidade e a visibilización e sensibilización a través dos programas Badaboom e Festiritititi, e a continuidade da unidade de apoio e estimulación sensorial do centro.
Neste senso, Xoán España quixo salientar que “a confianza e o apoio constante dun gran grupo empresarial como Jealsa é vital para unha entidade como a nosa. Xa non só a nivel interno, a nivel social é importantísimo que dende o sector privado se siga apostando por transformar e construir eses novos futuros inclusivos nos que as persoas con discapacidade son actores fundamentais, e neste aspecto Jealsa é un exemplo”.
Pola súa banda, Margarita Hermo destacou que “a través do noso programa de RSC WeSea, desde Jealsa, continuaremos comprometidos co desenvolvemento social e coa mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade. A alianza que mantemos con Amicos é un exemplo de cómo o traballo conxunto entre empresas e entidades sociais pode marcar unha diferenza real, e estamos orgullosos de formar parte deste proxecto tan significativo que favorece a inclusión e o progreso social”.
Acerca de We Sea
We Sea é o programa de Responsabilidade Social Corporativa de Jealsa, que engloba todas as accións da compañía en materia de sostibilidade e define á perfección o compromiso activo que implica a toda a corporación. Comprende así todo o traballo e inversión realizadas por Jealsa para garantir una sólida e decidida actuación a favor da sostibilidade a distintos niveis.
O programa We Sea de Jealsa articúlase en torno a cinco eixos de actuación distintos: a pesca e compra responsable, as políticas de calidade, a aposta polas enerxías renovables e o medios ambiente, o compromiso social e o insvestimento en I+D+i para o desenvolvemento dunha economía circular.
NOVAS EN MEDIOS
Para máis información:
981 865 716
658 753 047