• Entre os asistentes atopáronse a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, o presidente do GALP Ría de Arousa, Miguel Ángel Iglesias, as concelleiras de Turismo e Cultura de Boiro, María Outeiral, e de Medio Ambiente e Mar, Olga González.
  • Bitácora, medidas para a posta en valor do patrimonio pesqueiro e fortalecemento da identidade da Ría de Arousa’ é unha iniciativa posta en marcha por Amicos co apoio do GALP Ría de Arousa

 

O proxecto Bitácora, medidas para a posta en valor do patrimonio pesqueiro e fortalecemento da identidade da Ría de Arousa’, posto en marcha por Amicos co apoio do GALP Ría de Arousa, pechou a súa actividade nun gran acto de clausura celebrado este martes, 22 de outubro, no Pazo de Goiáns de Boiro. Durante o evento, presentáronse os resultados acadados ao longo do proxecto e proxectouse un documental protagonizado por persoas con discapacidade e profesionais do sector pesqueiro e marisqueiro da zona.

A primeira parte do acto estivo centrada na presentación dos resultados e conclusións recollidas a partir do traballo do equipo do proxecto, que foron presentados por Alfonso Pérez. Destacaron as accións de sensibilización en centros educativos, nas que participaron máis de 550 escolares, e as actividades de limpeza de residuos que involucraron a máis de mil rapaces e rapazas, así como a membros das confrarías, logrando recuperar máis de mil quilos de refugallos mariños.

Tódalas accións realizadas no marco da iniciativa estiveron impulsadas por persoas con discapacidade intelectual especializadas no sector, encargadas de conducir as accións de sensibilización e divulgación referentes ao patrimonio cultural e ambiental vinculado ao sectores marisqueiro e pesqueiro da zona.

Durante o acto, tamén se proxectou un documental que recolleu testemuños e experiencias de profesionais do sector. A xornada finalizou cunha degustación de produtos locais da comarca Barbanza – Arousa, ofrecendo unha mostra da riqueza gastronómica e da importancia do traballo de posta en valor realizado no marco do proxecto.

 

 

 

 

Un peche inmellorable

O acto de clausura de Bitácora contou coa asistencia da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, o presidente do GALP Ría de Arousa, Miguel Ángel Iglesias, as concelleiras de Turismo e Cultura, María Outeiral, e de Medio Ambiente e Mar, Olga González, de Boiro.

Tamén se achegaron outros representantes locais como o concelleiro do Mar de Ribeira, Fernando Abraldes; os concelleiros de Lousame de Economía, Facenda e Tramitación Administrativa, Esteban Ares, e de Servizos Sociais, Igualdade, Xuventude, Educación, Cultura e Sanidade, Silvia Agrafojo. Así como de distintos representantes de institucións locais e cofradías da comarca.

María Outeiral, concelleira de Cultura e Turismo de Boiro fixo fincapé en que o proxecto abordase “temas tan importantes como son a pesca, o marisqueo, e a acuicultura en xeral para o noso concello; un sector tan productivo e tan importante económicamente para nós. De feito, hoxe vimos de levar ao Parlamento a importancia que teñen estos sectores e darlle a importancia que se merecen”.

Ao que engadiu: “quero darlle a benvida á Xunta e aos GALP, que están aquí para apoiar outro dos proxectos de Amicos, que como todos os que desenvolven, é marabilloso coidando o medioambiente sempre engadindo cultura e inclusión”.

Pola súa banda, o director do GALP de Galicia declarou que “queremos destacar a importancia de que asociacións como Amicos presenten proxectos deste tipo a nivel de GALP para dinamizar a Ría de Arousa. Queremos a continuidade de Bitácora porque a divulgación en centros escolares é vital a nivel de concienciación sobre o patrimonio, é moi enriquecedor”.

 

 

 

 

Pola súa banda, o director xeral de Amicos quixo comezar por “agradecer a presencia neste acto de tódalas autoridades que se achegaron e á familia Amicos, e inclúo neste grupo a tódolos colaboradores como son as cofradías, colexios e tódalas organizacións que participaron en Bitácora. Tamén quero agradecer tanto á Consellería como aos membros do GALP por confiar en Amoicos e colaborar cun proxecto que ten que ver coa inclusión, co coidado do mar e difusión da cultura mariñeira, no que as persoas con discapacidade son actores de primeiro nivel encargados de desenvolvelo ao largo de todos estes meses”.

Tamén quixo agradecer aos concellos colaboradores o seu apoio, pero fixo fincapé “no agradecemento ás persoas con discapacidade polo seu exemplo, o seu traballo e por mostrarnos que non se rinden nunca. Estou moi orgulloso de dirixir a persoas que co seu exemplo axudan a construír un futuro máis inclusivo e máis verde. Este peche significa o comezo doutros que van continuar a traballar en prol do coidado do medioambiente, a inclusión e a inclusión do medio mariño, sempre en alianza co tecido social, aspectos nos que cada vez nos teremos que centrar máis”.

Por último, a directora xeral de Promoción Pesqueira foi a encargada de pechar o acto incidindo que “dende a Consellería do Mar darlle a noraboa a Amicos por completar este proxecto tan interesante. Queremos animar a quen teña un proxecto que se achegue ao GALP para poñer en marcha proxectos como este, que revitalizan as comunidades costeiras e que tocan aspectos tan importantes e fundamentais como son a inclusión social, o fomento de consumo de peixe, a limpeza do medio mariño e a preservación cultural da zona”.

Destacou que “dende a Consellería temos liñas de financiación para poñer a cabo este tipo de proxectos e que queden tan chulos como Bitácora. Tamén darlle as grazas aos GALP, neste caso ao GALP da Ría de Arousa por ser o ente colaborador necesario para executar este proxecto”.

 

 


 
 

O proxecto Bitácora

Bitácora comezou na segunda metade de 2023 co obxectivo de valorizar os sectores ligados ao ecosistema mariño das comarcas do Barbanza e Arousa. A iniciativa incluíu máis de dez xornadas de sensibilización con escolares, limpezas de residuos mariños con alumnado e profesionais do sector, así como sesións de reutilización creativa de refugallos.

Entre as actividades desenvolvidas, destacan as visitas ás lonxas de Aguiño e Cabo de Cruz, así como obradoiros e formacións específicas. Bitácora promoveu a divulgación e sensibilización en centros educativos sobre o patrimonio cultural e ambiental vinculado ao sector pesqueiro, ademais de accións de valorización dos produtos da comarca.

O proxecto foi financiado polo GALP Ría de Arousa, coa colaboración da Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA).

 

 

 

 

 

NOVAS EN MEDIOS

O BARBANZA

DIARIO DE AROUSA

LA VOZ DE GALICIA

 

Para máis información:

981 865 716

658 753 047

hola@amicos.org